luns, 27 de abril de 2020

Hay un monstruo en la oscuridad



Saldaña, María del Mar (2016). Hay un monstruo en la oscuridad. Ilust. Sol Ravassa, Basauri-Bizkaia: Editorial Soldesol, [48 pp.]. (ISBN: 978-84-945119-6-7).

Descrición do contido e formato: Este álbum ilustrado de María del Mar Saldaña comeza contando que na escuridade se atopa un monstro que dá moito medo, pero a medida que vas pasando as follas, vaino describindo de maneira moi graciosa ata que, ao final, presenta un monstro que provoca risa para que os/as nenos/as perdan o medo que lle teñen á escuridade. Está dirixido a nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 6 anos.
Este volume de capa dura presenta na cuberta e na contracuberta unha imaxe continua, na que se empregan cores escuras e debuxos dunha dentadura, para ir introducindo ao lector na temática do medo. Nas gardas iniciais aparece a escuridade e a noite, mentres que nas finais aparecen tamén cores escuras, pero cos diferentes elementos que ten o monstro no transcurso da historia. Na portada empréganse letras que simulan estar goteando e elementos que van aparecer en diferentes páxinas do libro. Os debuxos están feitos con cores escuras. Antes de comezar coa historia aparece unha páxina cun prólogo e outra coas instrucións para ler de forma correcta a historia.
O texto presenta un narrador omnisciente en terceira persoa que describe o monstro, único personaxe da obra. A estrutura é lineal e nela vanse engadindo características ao monstro, que se recollen na páxina final todas xuntas para configurar o seu retrato. Este estilo favorece a musicalidade e algunhas palabras aparecen en letras maiúsculas, xogo tipográfico co que se pretende captar a atención do lector e aportar intensidade en determinadas palabras.
O texto está escrito en letras grandes para facilitar a lectura da historia. As frases son curtas e o vocabulario sinxelo, o que favorece a comprensión de nenos/as dende os dous anos. De feito, o campo semántico empregado xira ao redor da roupa e complementos (sombreiro, bragas etc.); descricións físicas (feo, peludo etc.), tempo (noite, escuridade…). O contido céntrase no medo e nas sensacións que este provoca, de modo que a través do relato se aprenda que hai que superar estes temores, recorrendo ao humor e á diversión. Este contido pódese seguir polas ilustracións, que permiten unha lectura visual paralela ao texto, xa que as imaxes representan o que vai describindo o narrador ao longo da historia. Obsérvase unha gradación nas tonalidades, dende as máis escuras do inicio que representan a noite, ata que a medida que transcorre a historia van aparecendo cores máis vistosas. Os personaxes presentan formas angulosas para acentuar a sensación de medo. O monstro presenta cornos marróns, boca con dentes afiados e gadoupas como mans. Nalgunhas ilustracións aparecen paxaros negros que tamén inciden na sensación de medo. Hai unha gradación nas imaxes, que ocupan a páxina completa e que leva a que nas últimas páxinas se recorra a elementos de continuación, é dicir, as diferentes imaxes van dando lugar a o monstro final que aparece na última páxina. Os materiais empregados son acuarelas nos fondos, con debuxos perfilados en negro para resaltalos.

Potencialidades: A partir deste álbum ilustrado pódense traballar os medos, en concreto á escuridade. Vaise levando ao lectorado a través dunha historia na cal o único personaxe vai mudando, pasando de estar caracterizado como algo malo a ter diferentes obxectos e cores que permiten cambiar a visión posta nel. Con isto pódese traballar que non temos que ter medo á escuridade xa que, o que de primeiras pode parecer perigoso ou asustarnos, se nos fixamos ben pode ser algo divertido e converterse nun xogo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario