Fernández Trelles, Sabela (2015). Augusta
e os seus medos. Ilust. Alicia Suárez, Vigo: Edicións Xerais de Galicia,
[32 pp.]. (ISBN: 978-84-9914-783-3).
Descrición do formato e o contido:
este é un álbum ilustrado escrito por Sabela Fernández Trelles e ilustrado por
Alicia Suárez, vai dirixido a nenos/as a partir dos 4 anos. A historia está
protagonizada por unha nena que quere cumprir moitos soños, mais non o consegue
polos medos que ten. Tras pedirlles axuda aos seus pais, dáse conta de que a
única forma de superar os medos é enfrontarse a eles.
Este volume de capa dura presenta na
cuberta unha imaxe diferente á da contracuberta. Na primeira aparece Augusta
voando cun paraugas mentres chove e ao fondo aparecen máis personaxes do álbum
facendo o mesmo que a nena. Porén, na contracuberta soamente aparecen uns
corazóns en forma de flores. En ambas empréganse cores claras e vistosas, tanto
nas imaxes coma nas letras do título, para chamar a atención do lector. Nas
gardas iniciais aparece unha imaxe de Augusta coas mans na cara representando o
medo que ten. Isto contraponse co que aparece nas gardas finais, nas que
podemos atopar a imaxe da nena sorrindo, emoción que demostra que superou os
seus medos. Na portada empréganse letras grandes e vistosas, ademais aparecen
uns debuxos de barcos de papel de diferentes cores. Antes da portada, aparece
unha páxina cos títulos de crédito e a dedicatoria da autora.
O texto presenta un narrador
omnisciente en terceira persoa que vai contando como vive o seu día a día cos
seus medos. A estrutura é lineal e nela vese o que fai Augusta, coa axuda dos
seus pais, para ir superando os diferentes medos. Aparecen algunhas frases con
letras de maior tamaño, que pretenden captar a atención do lector e aportar
intensidade á historia. O texto está escrito con letras grandes que facilitan a
lectura. Emprega frases curtas cun vocabulario acorde coa idade á que vai
dirixido. O contido do texto está centrado nos medos e como se pode facer para
superalos. As imaxes recrean o que di o texto, facilitando a súa comprensión.
As imaxes ocupan a páxina completa. No texto faise referencia aos animais cando
a nena ten que superar o medo que ten ao xardín, neste momento aparecen
ilustradas diferentes bolboretas. Os materiais empregados son acuarelas, que
destacan no fondo branco.
Potencialidades:
A lectura deste álbum ilustrado permite reflexionar sobre o que nos dá medo na
vida e valorar as razóns que nos producen esa sensación. Identificar os medos é
o primeiro paso para poder superalos. A través de historias como a de Augusta,
as nenas e nenos poden sentirse identificados e comprender a necesidade de
superar os seus temores. Ademais, coñecer as estratexias que lle serviron á
protagonista, estimulan actitudes positivas, entre elas o ser capaces de pedir
axuda aos pais ou mestres/as para conseguir o noso propósito.
Recursos educativos:
- CEIP Arquitecto Casas Novoa. Experiencia educativa nunha aula de Educación Infantil cun contacontos de Augusta e os seus medos en https://www.edu.xunta.gal/centros/ceipcasasnovoa/node/267 (consultado 25/03/2020).
Ningún comentario:
Publicar un comentario