Ruiz, M. (2017). Polo camiño. Pontevedra: Kalandraka , [ 26 pp.]. (ISBN:
978-84-8464-296-1)
Descrición do formato da obra e contido: álbum ilustrado en cartoné da autora
Mariana Ruíz Johnson que é un numerario para aprender os primeiros números. A
cuberta amosa unha imaxe dunha balea negra cun gorro de festa e o título escrito
con diferentes cores no seu interior, o fondo é amarelo con plantas de diferentes
formas e tamaños. Na contracuberta obsérvase un fondo morado cunha frase de
agradecemento en branco e a información sobre o conto xunto con outras plantas
diferentes.
O contido asenta na forma de poemario de marcado carácter narrativo e reiterativo,
con versos octosílabos que van marcando unha progresión numérica. Está
protagonizado por diferentes familias de animais que van a unha festa organizada
pola balea xa que cumpre 10 anos, e na que cada animal leva os seus fillos e algo
de comida. O álbum presenta imaxes a toda páxina, cos versos de cada estrofa
inseridos nas imaxes, ademais de xogar tamén cos cromatismos das letras, que
recorren ao lettering. Cada unha das estrofas comeza co mesmo verso: “Andando
polo camiño”, motivo presente xa no título á obra.
As imaxes son moi coloristas e permítennos seguir a historia dunha maneira moi
visual, ao permitir concretizar en obxectos o número ao que se refire cada estrofa,
caso das personaxes que aparecen. O texto sempre se atopa nunha esquina cunha
letra dun tamaño pequeno para centrar a atención nas imaxes.
As cores que predominan no libro son en todo momento rechamantes, luminosas e
moi animadas, acentuando o sentimento de alegría.
Potencialidades educativas: A lectura deste álbum permite traballar na aula a
poesía, especialemnte polo marcado ritmo e as repeticións. A través desta lectura
ensinarémoslle a nenos e nenas os números e aprender a contar dunha forma moi
divertida e dinámica, propiciando un primeiro contacto coa numeración. Isto
poderase facer de maneira táctil, empregando as mans para contar os animais que
aparecen en cada páxina ou de maneira verbal repetindo os números en función dos
personaxes que aparezan. Con obras coma esta pódese tamén traballar a
memorización a través da musicalidade do texto e a reiteración. Ademais, fomenta a
creatividade para poder crear una melodía coa que cantar o conto.
Recursos educativos:
Versión cantada de Tamara Campos: http://kalandraka.tv/gl/seccion2.php?id=33&pagina=6#PD_Tamara%20Campos%20-%20Por%20el%20camino
Versión cantada por Sonia Hermida: https://www.youtube.com/watch?v=rXhSukIBYf8
Versión cantada por Cristina Martín Sanz en castelán: https://www.youtube.com/watch?v=m4K0m2diN9E
Ningún comentario:
Publicar un comentario