Patacrúa (2006). Loboferoz, ilust. Chené Gomez, Pontevedra:
OQO Editora, col. 0, [36 pp.]. (ISBN: 978-84-9871-325-1).
Descrición do
formato: álbum ilustrado
escrito por Patacrúa. As suas medidas son 23x25 cm. Na cuberta atopamos o título do libro escrito cunha cor
clara para distinguilo do fondo de ton marrón claro. As letras varían de tamaño
sendo algunhas máis pequenas e outras alongadas. Debaixo está debuxado un lobo,
quen será o protagonista da historia. A súa cabeza destaca sobre o seu corpo,
cunha boca grande na que se deixan ver uns dentes afiados. Encóntrase mirando
cara a atrás como se estivese escapando de alguén. Na contracuberta observamos
dous paxaros mirándose, un subido a unha póla dunha árbore e o outro no chan. Ao
abrir o conto divisamos sete árbores, uns de cor marrón e outros beixe, que na
garda do final adoptan a situación inversa. Con isto podemos intuír que a
historia se desenvolverá dentro dun bosque. As ilustracións interiores van
describindo o texto e están deseñadas a través de distintas figuras xeométricas
de varios tamaños. Son sinxelas, de formas desproporcionadas, pero con trazos
identificables de cada animal. Grazas a elas podemos ver como vai cambiando o
aspecto do lobo tras os golpes que recibe dos demais. O espazo case non está
representado, aparece o mesmo fondo marrón ao longo do libro, no cal podemos
atopar distintas árbores e unhas casas preto do final.
Descrición do contido: o protagonista é un lobo moi vago que só comía papas de
arroz. Un día, canso de comer sempre o mesmo, mirouse ao espello e viuse tan
fraco que decidiu converterse nun lobo feroz. Ao longo do seu camiño vaise
atopando con distintos animais domésticos, mais os seus intentos por comelos
acaban por fracasar todos. Este itinerario de encontro/desencontro do
protagonista cos outros animais está escrito en verso, con retrouso e formas
recorrentes que contribúen ao marcado ritmo da narración e tamén á súa
memorización. Os diálogos entre os personaxes destacan polo uso de frecuentes
frases acumulativas e diálogos repetitivos, que acentúan o sentido lúdico e
divertido da obra.
Potencialidades: A través desta obra podemos ensinarlles ao alumnos/as a
importancia da valentía e a astucia ante alguén que se presenta como superior
ou máis forte. Isto podémolo observar cando os animais domésticos, que adoitamos
identificalos como os máis débiles, conseguen salvar a súa vida e vencer ao
lobo representado como feroz. A lectura tamén serve para tomar conciencia e valorar
as cousas que temos. O marcado ritmo poético da obra fomenta a participación
activa do alumnado, que ve nas formas repetitivas e acumulativas un recurso
doado para a memorización, propio da literatura de tradición oral, como é este
conto. Ademais o xogo visual das ilustracións tamén acentúan unha lectura
paródica e de reescritura dos contos clásicos, subvertendo os roles que se lle
atribúen ao lobo nun bo número de contos populares. Os xogos tipográficos
axudan ao contacto precoz dos máis pequenos coa lectura e a escritura, ao
identificar de forma sinxela estes conceptos remarcados e poder asocialos ás
imaxes que os representan.
Recursos educativos:
Suárez, M. (2016,
abril 20). LOBOFEROZ (OQO editora). Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=5ikRS4RmpSo (consultado
o 8/3/2020)
Ningún comentario:
Publicar un comentario