venres, 24 de abril de 2020

Começa numa semente







 

KNOWLES, Laura (2018). Começa numa semente. Ilust. Jennie Webber. Amadora (Portugal): Fábula. [40 pp.]. (ISBN: 978-989-707-532-2).

Descrición do formato e o contido: álbum ilustrado con texto de Laura Knowles, ilustracións de Jennie Webber e traducido ao portugués por Susana Cardoso Ferreira. A Cuberta e a contracuberta son de cartoné. Na primeira aparece unha póla dunha arbore cunha curuxa e as sementes caendo. Na contracuberta aparecen as raíces, o tronco e algunhas pólas da árbore e varios animais que viven nela. A cuberta e a contracuberta son complementarias e teñen o fondo en branco. As gardas son de cor dourado e cos debuxosdas sementes en branco. No interior, o texto aparece nas páxinas pares e as imaxes na parte dereita, agás a última, que se desprega e presenta unha imaxe a toda páxina. Na parte posterior desta páxina despregada recóllese a historia completa e con información científica sobre a arbore retratada no texto, que pode ser utilizada por educadores ou as familias, polo tanto adecuadas para un contexto escolar ou doméstico.

As cores que predominan son o marrón e o verde, aínda que tamén aparecen tons laranxas e vermellos que evocan o outono. As imaxes transmiten sensación de profundidade. 
Desde o punto de vista do contido, neste conto preséntase como pode unha semente (tan pequeniña)tornarse nunha árbore xigante. A través da narración pódese viaxar polas diferentes estacións do ano e pola vida desta especie para ver como unha única semente se transforma nunha arbore grandiosa, coa que conviven moitas criaturas, que fan dela a súa casa. A forma do texto é moi lírica, bonita e poética, contando unha historia sinxela pero cunha mensaxe esperanzada da vida e crecemento. A obra orixinal é en inglés e conta con edición en portugués. Recibiu o Premio Margaret Mallett.
Potencialidades: a lectura deste conto permítenos traballar coa natureza e descubrir moitos dos segredos que hai nela, como por exemplo, que cada anel que ten unha arbore é un ano de vida, que unha arbore nos pode indicar onde está o norte e o sur, etc. Tamén se pode traballar coas diferentes árbores que hai no contorno e observar como crece unha planta. O coñecemento das diferentes especies e as súas particularidades propiciará a toma de consciencia ecocrítica e recoñecer a importancia que teñen as plantas para a nosa vida e o equilibrio no planeta. Outra das posibilidades que se pode traballar con este conto é a psicomotricidade, xa que se pode ir contando o conto e ir imitando de como é unha semente ata que crece através do movemento do corpo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario