venres, 24 de abril de 2020

Garbancito


González, O. (2008). Garbancito. Pontevedra: Kalandraka, [40 pp.]. (ISBN: 978-84-96388-89-5).

Descrición do formato e contido: Álbum ilustrado de tapa dura adaptado por Olalla González e ilustrado por Marc Taeger. Recomendado para un público de máis de 3 anos. O álbum ilustrado conta cunhas dimensións de 22 x 22 cm e está encadernado en cartoné ou tapa dura. En canto á distribución da cuberta pódese observar como na marxe superior aparece o título da obra e xusto debaixo os nomes da autora e do ilustrador. Ademáis, de dereita a esquerda, un sol e unha nube, esta última, con forma de garabanzo. Da metade cara a abaixo o protagonista da historia, Garbancito, camiñando por riba dunha enorme col, aínda que na cuberta aparece cortada. No seu interior figura o nome da editorial, Kalandraka. A contracuberta segue a imaxe da cuberta, co anaco de nube e outra enteira e un camiño que guía ata o pobo. As gardas iniciais están formadas por gran cantidade de debuxos, de Garabanciño, o pobo, os pais, árbores, nubes, o boi, produtos do tendedeiro etc. Todas as ilustracións convidan ao público a pasar as follas e seguir deleitándose da harmonía e mestura de cores: laranxas, vermellos, azuis, amarelos, etc e formas xeométricas presentes en toda a obra, que a fan moi atractiva para o espectador infantil.
Trátase dun relato de tradición oral recuperado pola editorial Kalandraka. Destaca pola súa estrutura encadeada, os seus xogos de palabras e o seu ritmo acumulativo. Ademais ten un alto nivel pedagóxico. A historia enmárcase nun ambiente familiar e protector, afastado de inculcarlle complexos e debilidades ao seu protagonista, debido ao seu pequeno tamaño. Polo contrario, Garabanciño é forte, ten iniciativa e sabe afrontar e resolver os problemas. É por iso polo que decide ir mercar á tenda para axudarlle á súa nai a rematar a comida. Cando chega á casa insiste en ir ata o bosque a levarlle a comida ao seu pai. O que non sabe é que rematará na barriga dun enorme boi. Sen medo e cantando será encontrado polos seus pais cos que voltará á casa.

Potencialidades educativas: a lectura deste conto permite introducir na aula de Educación Infantil diversas cuestións. Por un lado, a superación das dificultades, valorando as características de todos/as os alumnos/as da aula como algo positivo, comprendendo isto como especial de cada un. Tamén se poden introducir liñas temáticas como os tamaños, o fogar, o tempo, a familia, accións da vida cotiá, natureza, o rural etc. Outro aspecto fundamental da obra é que inclúe un ritmo repetitivo que Garabanciño utiliza como solución ao seu pequeno tamaño. A través desta pequena melodía poden incorporarse na clase outras, favorecendo a motivación, o interese, a participación e o gusto pola música.

Traducións a outros idiomas: Existen traducións deste conto ao castelán, éuscaro, portugués e italiano.


Recursos educativos: Contacontos: http://www.kalandraka.tv/es/busqueda.php?busqueda=garbancito (consultado o 13/4/20)

Ningún comentario:

Publicar un comentario