Canal, Eulália (2016). Os fantasmas non petan na porta, ilust. Rocío Bonilla Raya, trad. Elvira Ribeiro Tobío. Alzira: Algar Editorial, 40 pp. (ISBN: 978-84-9142-116-0).
Descrición do formato e do contido: Este conto é un álbum ilustrado con cubertas de cartoné e cunhas dimensións de 27x24 cm. Na cuberta podemos observar aos tres protagonistas do conto, un oso, unha marmota e un pato con expresións de medo e intriga, tamén se pode ler o título do libro e os nomes da escritora, a ilustradora e a editorial do conto. Na contracuberta atopamos a casa dos protagonistas do conto, á que lle sae un fantasma pola cheminea, xunto cun breve resumo do conto e o código de barras do libro. No lombo podemos ler o título do conto, o nome da autora e da ilustradora e o logotipo da editorial. Xa no interior do libro podemos observar que tanto as gardas iniciais como as finais son iguais, son todas de cor verde sen ningún debuxo. Nas portada atopamos o título do conto coa casa dos protagonistas e os nomes da autora e a ilustradora do mesmo. As ilustracións son a dobre páxina, intercaladas con algunhas a unha soa páxina. Son moi vistosas e realistas con moitas cores para que os nenos se sintan atraídos cara a elas. O texto presenta diferentes tipoloxías para darlle énfases a determinadas palabras ou frases. En canto ás ilustracións, están vinculadas co texto que aparece en cada páxina e reflicten a realidade do que se quere expresar. A historia está contada por un narrador en terceira persoa que se intercala con algúns diálogos dos protagonistas en primeira persoa.
Dende o punto de vista do contido nárrase a historia de dous amigos, o oso e a marmota, que sempre están xuntos vivindo mil aventuras, pero un día o oso dille á marmota que o pato irá pasar o día con eles. A marmota non quere que veña ninguén con eles porque quere ao oso para ela soa, polo que pon un cartel na porta da casa dicindo que non están para que o pato non veña. Pero cando o pato chega peta na porta sen facerlle caso ao cartel. A marmota abre a porta e cambia o cartel por un que di somos pantasmas. Así é como pouco a pouco a casa do oso se vai enchendo de animais curiosos polo cartel pendurado na porta. Remata co oso, a marmota e o pato xogando xuntos e sendo todos amigos.
Potencialidades: a lectura deste conto sérvenos para traballar o tema da amizade e os celos cos nenos e nenas. Observando as actitudes dos personaxes pódese reflexionar sobre as actitudes que a marmota ten para que o pato non entre na casa. Esta reacción permite explicar aos nenos e nenas que teñen que xogar todos xuntos, que deben estar abertos a novas amizades e a se relacionar con nenas e nenos que non coñezan. Esta lectura tamén permite traballar a temática dos animais, porque no libro aparecen distintos tipos de animais que os nenos e nenas poden coñecer. Ademais, co póster que se inclúe no libro podemos facerlle ver aos nenos que se xogan todos xuntos van ser máis felices.
Recursos de interese:
- Póster que inclúe o libro coa imaxe de todos os animais merendando xuntos e no que se di: “Os libros son coma as amizades, nunca temos de mais!”
Ningún comentario:
Publicar un comentario