Padullés, Estefanía
(2016). Max e Lea, ilust.
Estefanía Padullés. A Coruña: Hércules
de Ediciones, col. Novas lecturas de Hércules, (6-8 anos), [32 pp.]. (ISBN: 978-84-944396-9-8).
Descrición do
formato e o contido: álbum ilustrado de cartoné creado
por Estefanía Padullés. Este libro está escrito en lingua galega. Conta con 32
páxinas e pertence á colección de “Novas lecturas de Hércules” que propician
unha lectura convencional. A cuberta presenta unha paisaxe na que se atopa o
ceo, dúas árbores nos extremos da ilustración e os personaxes principais desta
historia. O ceo amósase cunha cor azul e chea de estrelas e a Lúa de cor branca,
mentres que as cores das árbores son azuis e granates. No medio da cuberta
amósase o Tyrannosaurux rex, coñecido co nome de Max. No seu fouciño está Lea,
a ratiña. Isto é algo revelador, xa que van ser os dous protagonistas da
historia. As cores empregadas son vivas e alegres, mesturando frías con
cálidas. A cuberta contén o título, o nome da autora e da editorial. A
contracuberta ten os datos da edición e o resumo da obra literaria.
As
gardas están tinxidas de cores frías, ocres. Ademais está chea de plantas de
cores, na contorna do libro. Estas plantas poderían simbolizar unha protección
de cores e de vida fronte a este fondo apagado. Con esta mesma técnica está
debuxada nas gardas do final. Antes da portada aparece unha ilustración de Max
entre unhas árbores cunha dedicatoria: “En recordo do meu avó, que sempre me
preguntaba que tal ían os debuxos dos “minosauros”. Na portada aparecen Max e
Lea, é a mesma ilustración que a da cuberta, pero tamén se mostra unha
continuación da anterior páxina. Aparecen os datos da edición (título, autora,
ilustradora e editorial) sobre un fondo branco, mentres que os títulos de
crédito se sitúan no final da obra, antes da contracuberta. O texto está en
minúsculas e nel resaltan algunhas palabras, como son os nomes das diferentes
razas de dinosauros.
O título, Max e Lea, pódenos levar a
pensar en calquera situación na que poidan interactuar estas dúas figuras, pero
en realidade trata a historia dun dinosauro (Max) que lle ten medo á escuridade,
polo que pide axuda ao resto dos dinosauros que vai encontrando polo camiño e
descobre que, por moi forte, perigoso e grande que sexas, o medo á escuridade
era algo común entre todos os dinosauros e que ningún tiña a solución. Unha
noite Max escóndese coma de costume nunha cova, pero é entón cando atópase coa
ratiña Lea, a cal o convence para que vaian xuntos e desta forma demóstralle
que a escuridade é algo fermoso, algo moi meigo coa lúa, as estrelas e os
reflexos. Esta maxia fixo que Max esquecera o seu medo, aínda que non se esqueceu
dos seus amigos, polo que foi buscalos para que Lea lles ensinara a eles tamén
o bonita que era a noite. O texto conta cun narrador en terceira persoa, que
introduce o diálogo entre as personaxes. A narración ten unha estrutura lineal.
Con
respecto ás ilustracións, ao longo do álbum combinan planos xerais, americanos,
medios e a detalle, nos que aparecen todas as personaxes. A maioría son
ilustracións a toda páxina. A gama de cores é a mesma que a empregada na
cuberta, na contracuberta e nas gardas. As ilustracións caracterízanse por ter
un estilo naíf. Tamén combinan algúns elementos realistas en forma de colaxe, como
o mar, as árbores, a herba… As
expresións das personaxes son pouco expresivas.
Posibilidades
educativas: Este libro é un álbum ilustrado
que reflicte as emocións. Pero ademais disto axuda tamén a comprender aos nenos
e nenas que todos temos medos e temores, independentemente do noso tamaño,
fortaleza ou perigosidade. Ademais tamén incide na importancia de contar cos
nosos amigos, como acontece cando Lea lle ensina a Max o fermoso que pode ser a
noite. Con lecturas coma esta estamos contribuíndo a que cativos e cativas coñezan
historias de superación que lles axudarán a se enfrontar aos seus propios
medos. A amizade é outra das liñas temáticas que desenvolve esta obra, amosando
que non hai límites para que seres moi diferentes se poidan axudar mutuamente.
De feito, traballar con relacións aparentemente estrañas pode permitirnos
reflexionar sobre aquelas parellas de animais que viven xuntos en simbiose,
caso de moitos paxaros con grandes mamíferos, o que permite asimilar historias
fantásticas á realidade do universo animal.
Gustoume moito este conto, a parte do que xa dixo a miña compañeira penso que entre os nenos e nenas pequenos é moi común o medo a escuridade e con este conto tamén se pode traballar ese medo real. Daríanse conta de que a escuridade non é un enemigo para ninguén, nin para os máis grandes nin para os máis pequenos.
ResponderEliminar