LARREULA, Eric, RUIZ e CORBERA (1982). El payés y los caracoles. Barcelona: Teide, col. Graó (ISBN: 84-307-2920-8).
Este conto é un álbum ilustrado, escrito por Enric Larreula (1982), o cal conta con ilustracións de Ruiz e Corbera. Está composto de cartón fino e presenta unha cuberta simple a raias amarelas e brancas. Na parte superior aparece o título do libro e o nome da editorial na parte inferior. No centro da cuberta amósase un recorte en forma de cadrado no que podemos ver un anaco da ilustración final, na que aparece unha horta con leitugas e dous caracois enriba dunha delas. A contracuberta segue a mesma temática cá cuberta, na parte central amósase un recadro co nome da colección e as quince obras do que está composto, entre elas El payés y los caracoles.
No interior do libro aparece a portada de cor branca, na parte superior móstrase o nome da colección e o número do libro ao que pertence dentro desta. Na parte central amósase o título ao cal se lle dá máis importancia, xunto coa ilustración mencionada con anterioridade. Na parte inferior aparece o nome do autor xunto cos ilustradores e a editorial. No centro da última páxina aparece a páxina de dereitos do libro.
O libro está composto por vinte e catro páxinas, enumeradas na parte inferior, de 20x21. As páxinas son de papel e non teñen resistencia. O texto e as ilustracións non están nun lugar fixo, senón que adoptan diferentes posicións, nas que se realzan unhas ou outro en función da lectura que se quere destacar, a visual ou a textual. Nas ilustracións aparecen os personaxes principais, o payés e os dous caracois, aínda que non aparecen en todas as páxinas, sempre coa horta de fondo. Por outro lado, destacar que as ilustración son debuxos con pouca realidade que imitan estar feitos con acuarelas. Por último, en canto á tipografía observamos que é grande, sinxela e clara.
O argumento está composto por un narrador en terceira persoa que se mestura con diálogos en primeira persoa dos personaxes. O narrador cóntanos a historia dun payés que tiña unha horta na que coidaba as plantas. Este enfadábase moito porque os caracois lle comían as follas da leituga, ata que un día os caracois lle explican ao payés porqué comen as follas das súas leitugas. Finalmente este decide plantar unha col só para os caracois.
Potencialidades educativas: a lectura desta obra propicia reflexións sobre a importancia do coidado dos animais e da natureza, ao achegar á infancia a se iniciar na aprendizaxe de novo vocabulario sobre a horta, ademais de coñecer a alimentación dos animais, neste caso dos caracois.
Ningún comentario:
Publicar un comentario