mércores, 29 de abril de 2020

Bonitas


McAnulty, Stacy (2018). Bonitas, ilust. Joanne Lew-Vriethoff, trad. David Domínguez. Barcelona: Astronave (a partir de 3 anos).

Descrición do formato: álbum ilustrado escrito por Stacy McAnulty e ilustrado por Joanne Lew-Vriethoff. Composto en lingua castelá e cun total de 32 páxinas. Na cuberta pódese ver o título en maiúsculas e en grande, debaixo o nome da autora, da ilustradora e da editorial, sobre unha franxa branca. Na parte superior e inferior desta hai seis cadrados con cadansúa nena, cada unha representada dun xeito diferente: unha está explorando cun verme, a seguinte está chea de barro e follas, outras están facendo xestos, outras están manchadas de pintura, outra está disfrazada de pirata e a outra ten un estilo skater. Reflíctese a diversidade xa que aparecen tres nenas negras e tres brancas, con diferentes tipos de pelo. As cores son vivas e combina cálidas con frías. Por outra banda na contracuberta están cinco nenas lixosas. Estas están penduradas dun muro coloreado, bastante desleixado. Tamén aparece un gato e moitos xoguetes, madeira, lixo… Ademais hai un fondo claro e unhas nubes azuis, sobre estas aparece un texto: “Lo importante es...tu ropa, tu pelo, tu estilo, quién eres realmente”. Isto vén a resumir o libro, simplificando nunha frase que o relevante na vida é quen es e non os estereotipos que te opriman. Na parte inferior está o nome da editorial. As gardas están tinxidas de rosa cun estampado de flores rosas e animais. Estes están relacionados coas nenas e o seu desexo por explorar. Este fondo ironiza os estereotipos, xa que mestura flores rosas con insectos e anfibios. Na portada aparece o título en maiúscula e en grande e rodeando este as figuras das nenas explorando, xogando, imaxinando e lendo. Á volta da páxina atopamos os datos bibliográficos sobre un fondo branco. O texto está en minúsculas aínda que ten algunhas palabras en maiúsculas. A cor varía dependendo do fondo. A gama cromática das ilustracións é moi viva e diversa, empregando cores claras, escuras, vivas, apagadas… 

Contido: Bonitas é o título, e pode dar lugar a equivocación, xa que todo o libro é unha grande ironía. Sen as ilustracións non poderíamos entender o texto. Ambos contradinse, o que dá lugar a unha crítica aos estereotipos de xénero. Ao longo do conto vanse dando normas de como deben ser e como deben comportarse as nenas. Acompañando este texto están unhas ilustracións nas que as nenas teñen un estilo propio e fan diversas actividades, dependendo da súa personalidade. O narrador está en terceira persoa e aparecen tres palabras soltas. As rapazas que van aparecendo son as da cuberta e contracuberta, estas fan diversas actividades en diversos espazos. En canto ás ilustracións, os planos que aparecen son xerais, medios, enteiros e detalle; hai algúns a toda páxina e outros a unha páxina. As cores son sólidas, opacas, transparentes, hai algúns difuminados e son todo debuxos. Combina tons cálidos e fríos. As personaxes son moi expresivas, dependendo das emocións e situacións que viven en cada ilustración.

Posibilidades educativas: a lectura deste álbum permite desenvolver múltiples posibilidades formativas, dende a reflexión sobre os estereotipos de xénero, o empoderamento feminino, ata a imaxinación ou a socialización. Pois co exemplo destas nenas, outras encontrarán ese impulso para manifestar a súa personalidade e poder exteriorizala sen prexuízos e facendo caso omiso ao que lles recrimine a sociedade. Todos somos diferentes e esas diferenzas son máis que enriquecedoras, pois o idéntico é aburrido.

Ningún comentario:

Publicar un comentario