domingo, 12 de abril de 2020

Unha familia normal








Kulot, Daniela (2011). Unha familia normal, Pontevedra: Faktoría K de Libros, [ 32pp.]. (ISBN: 978-84-15250-08-1).

Descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de tapa dura de Daniela Kulot. Na cuberta aparece un recadro central coa imaxe dun crocodilo e unha xirafa paseando un carriño de bebés, debaixo o título en letras vermellas e na parte superior o nome da autora, mentres que na marxe da dereita se pode ver o logotipo da editorial a media altura. Na contracuberta inclúese un breve resumo da obra dentro dun recadro central. Nas gardas aparecen, sobre un fondo verde, unhas figuras que semellan rochas, acompañadas das siluetas da xirafa e do crocodilo. Na portada aparece o título do libro e debaixo del, unha cama cunha cunca e un prato tirados no chan preto dela.

As ilustracións ocupan todas as páxinas e van acompañadas de pequenos fragmentos de texto, ao pé de cada unha delas. Os personaxes aparecen na maior parte das escenas mirando cara á dereita, como incitando a que sigas lendo.A temática da obra é a familia, a parella e o amor. Na historia que se relata en terceira persoa ponse de manifesto que, a pesar de ser diferentes, os personaxes son capaces de axudarse, respectarse e quererse por enriba das súas diferenzas. En cada unha das súas páxinas recrea escenas da vida cotiá dunha familia formada por un crocodilo, unha xirafa e os dous fillos: Croquila (que é unha xirafa verde) e Rafaolo (que é un crocodilo marrón con pintas escuras).

Potencialidades: a lectura desta obra permite reflexionar sobre a diversidade de familias que existen e fomentar o respecto cara á diferenza. A normalidade coa que se desenvolve a vida desta familia permite entender que, máis alá das aparencias físicas ou culturais, o que configura unha unidade como familiar é o afecto. O emprego de animais como protagonistas, aproxima esta obra ás fábulas, pero cunha estética e visualismo moi actual e de gran carga emotiva. Outra das temáticas que permite abordar é a da capacidade de adaptación e resolución de problemas, presentados na obra dende unha perspectiva lúdica e moi divertida.

Recursos:
Biblio CPI Mondariz (22/01/2014). Unha familia normal. Obtido do arquivo de vídeo Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=s8y_HkZiVwE

Ningún comentario:

Publicar un comentario