martes, 7 de abril de 2020

Gato Guille e os monstros


Martínez, Rocío (2005). Gato Guille e os monstros, ilus. da autora, trad. Xoán Couto, Pontevedra: Kalandraka Editora, col. demademora, [40 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-555-9).

Descrición do formato e o contido: álbum ilustrado con dimensións 22x22cm. Encadernado en cartoné e que está traducido desde o castelán. Na parte inferior dereita da cuberta aparece Guille, un gato que está xogando cos seus xoguetes. Tamén se aprecian diferentes tramos de cores horizontalmente (gris, amarelo, beixe). Na contracuberta aparecen as mesmas cores que na cuberta, só que o gris ocupa máis espazo. As gardas son da mesma tonalidade que a cuberta e a contracuberta e na parte inferior están os xoguetes e algún útiles escolares facendo unha liña horizontal. Na portada aparece un anaco desa liña horizontal, tamén aparece o gato Guille cun avión na man, convidando a que entremos no conto.
A obra conta a historia de Guille, un gato que se asusta porque escoita ruídos na súa casa, entón decide quedar no lugar no que súa nai estea (baño, cociña…). Pero o verdadeiro medo chega cando non atopa a mamá gata, a cal estaba agochada porque escoitaba os ruídos. Despois, entre os dous, irán descubrindo os ruídos que os asustaban. 
O narrador é heterodiexético, pois é o encargado de presentar os protagonistas, introduce o conflito e pecha a historia. A estrutura é circular, pois ao principio comeza dicindo que gato Guille escoitou un ruído e asustouse moito e ao final volve dicir que Guille e súa nai se asustan porque escoitan un ruído, pero resulta que era papá gato. O texto está escrito en letras grandes para facilitar a lectura da historia. Algunhas veces, cando fala Guille ou mamá gata, a súa intervención aparece en letras máis grandes. As onomatopeas aparecen con diferente tipografía e tamaño, para así captar a atención do lectorado. Os campos semánticos máis empregados son os da casa (cuarto, ventá, cisterna, cociña…) e os das emocións (sorprendeuse, asustouse…). Tamén emprega campos semánticos antitéticos como subir-baixar.
Dende o punto de vista da lectura visual xoga coa perspectiva para dar a sensación de que as partes da casa son lugares moi grandes, isto fai que os nenos e as nenas entendan mellor o que pasa na historia, xa que eles e las perciben a realidade máis inmediata. Con esta perspectiva aumenta a intriga e o medo que ten Guille. Estas ilustracións axudan á lectura paralela e complementaria, fundamentais para entender a historia. A disposición das ilustracións é a toda páxina. As cores empregadas son moi variadas e vistosas, tamén utiliza a técnica do pastel para recrear a dozura que transmiten os personaxes. Guille caracterízase por ser de cor gris, leva un pantalón marrón e un xersei laranxa e amarelo a raias. Mamá gata tamén é de cor gris, viste un pantalón azul escuro e un xersei azul claro. Aínda que no texto non se fai referencia aos animais, estes aparecen na maioría das páxinas, pois gato Guille sempre leva na man unha ra.

Potencialidades educativas: entre as posibilidades que ofrece Gato Guille e os montros cabe destacar a reflexión que fai sobre o medo, pois ao principio é Guille o que ten medo e busca refuxio en súa nai, pero despois é mamá gata a que ten medo e Guille vaille explicando de onde proceden os ruídos. Así, permite falar de que non son só os nenos e as nenas as que poden ter medo, senón que todas as persoas temos medo en certos momentos. Tamén podemos falar da importancia da familia e dos seres queridos para superar calquera medo que teñamos e sentirnos arroupados.

Recursos educativos:
CEIP Antonio Machado (2016). Dramatización educativa Gato Guille e os monstros, en https://www.youtube.com/watch?v=fvx7uF6M7aE (consultado o 31/03/2020).

Ningún comentario:

Publicar un comentario