martes, 7 de abril de 2020

Todo lo que sé del miedo



Copons, Jaume (2019). Todo lo que sé del miedo, ilust. Montserrat Pep, trad. Roberto Bravo, Barcelona: Combel Editorial, [30 pp.]. (ISBN: 978-84-9101-429-4).

Descrición do formato e o contido: álbum ilustrado de Jaume Copons, encadernado en cartoné, con cantos redondeados e dimensións 25,7x 25,5cm. Na cuberta, sobre un fondo negro, preséntase ao protagonista e ao seu hámster. Estes aparecen asomándose nunha porta entreaberta e con cara de medo. Na contracuberta, cun fondo beixe, aparece o hámster cunha cabaza na cabeza, pero ocupan pouco espazo, xa que aparecen todos os datos do libro, unha pequena descrición do álbum e a cuberta doutros dous álbums do autor. Na portada aparecen dous pares de ollos sobre un fondo negro. Uns ollos aparecen no centro, son máis grandes e están mirando para arriba; os outros son moito máis pequenos, están mirando á dereita e atópanse na parte inferior dereita, semellan animarnos a pasar a páxina para ver o que acontece.
O conto aborda a historia dun neno que vai contando as cousas que dan medo, tanto as que lle dan medo a el coma á súa familia, e vai nomeando tamén as posibles solucións. O texto presenta un narrador en primeira persoa, é o propio protagonista o que conta a historia. As frases son curtas e existe un gran número de frases exclamativas. A tipografía do texto é igual, excepto ao final que é maior.
O campo semántico predominante no relato é o dos animais (quenllas, crocodilos, dinosauros, arañas…), o da familia (pai, nai, avoa), o de seres imaxinarios (zombis, marcianos, bruxas…) e o das prendas de roupa (chaqueta, gorra). Tamén emprega campos semánticos antitéticos como apagada-acendida; día-noite.


Dende o punto de vista visual xógase coas proporcións, pois todos os medos que nomea o neno son máis grandes ca el, por exemplo cando di que os algúns animais dan medo como as quenllas e os crocodilos, estes aparecen en piscinas moito máis grandes que na que sae o seu hámster e un patiño. Estas ilustracións axudan á lectura paralela e complementaria, fundamentais para entender a historia. A disposición das ilustracións é a toda páxina nun plano xeral. Hai variedade de cores nas ilustracións. Por unha parte, cando aparecen ilustrados os medos, estes son en cores negras un pouco difuminadas. Cando isto ocorre, o neno aparece sobre un fondo branco. Dando ocasión a que nunha páxina poden aparecer cores claras e na seguinte sexan escuras. Por outra parte, a roupa do neno, o seu cuarto, a familia… aparecen cores vistosas, destacando o amarelo e o laranxa. Ao final do conto aparece unha solapa para que os nenos e as nenas teñan que interactuar co conto. No texto só se fai unha referencia ao hámster, contra o final. Pero este sae dende o principio acompañando ao protagonista a afrontar os medos. Esta obra é en castelán pero tamén está dispoñible en catalán.

Potencialidades educativas: pero tamén está dispoñible en catalán. entre as posibilidades que ofrece Todo lo que sé del miedo cabe destacar a reflexión á que chega o neno de que se poden superar os medos pero non os sustos. Tamén permite falar sobres os medos de todas as persoas, xa que non son soamente os cativos e as cativas os que experimentan esta emoción, dado que é imprescindible para a nosa sobrevivencia. Outra temática é a da importancia da familia para superar calquera medo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario