DE LA JARA, Fátima (2000). Limoneros y naranjos. Ilust. Gerardo Domínguez. Zaragoza: Editorial Luis Vives, col. Mucha madera, 25 pp. (ISBN: 84-263-4339-2).
Libro ilustrado escrito por Fátima de la Jara, con ilustracións de Gerardo Domínguez. Este volume con tapas de cartón presenta na cuberta o título e o nome da autora, ilustrador, colección e editorial. Nela tamén aparece unha ilustración da protagonista que remite cara ao final da historia en tons cálidos. A contracuberta é de cor branca e nela aparecen os títulos que compoñen a colección “Mucha madera” e unha ilustración da protagonista, María. As gardas son de cor azul, cuns pequenos debuxos de alimentos: limóns, paellas e laranxas. A páxina de dereitos e a portada teñen fondo branco e na segunda recóllense os datos da cuberta: título, nome da autora, do ilustrador e da editorial. O libro está composto por vinte e cinco páxinas, algunhas delas enumeradas na parte inferior central e conta cunhas dimensións de 21,5x21,5.
O texto e as ilustracións vanse situando en diferentes lugares da páxina, alternándose a relevancia de un ou outras. Nas imaxes aparecen sempre os protagonistas: María, o limoeiro, laranxeiro e a nova árbore, aínda que nalgunhas páxinas aparece o coche con María e os seus avós e a suma dos puntos que van gañando os limóns e laranxas. Así mesmo, destacar que as ilustracións se mostran como debuxos figurativos de contrastes e carácter infantil. En canto á tipografía é grande e sinxela e nela algunhas palabras aparecen substituídas por pictogramas. Este volume péchase cun glosario no que parecen as imaxes empregadas no texto coa palabra á que fai referencia ao seu carón.
O argumento xira ao redor da historia dunha nena, María, que crea una novo froito emparellando as ramas dun limoeiro e dun laranxeiro, debido á constante competencia destas dúas árbores por ver que froito é máis utilizado. Emprégase un narrador en terceira persoa, que se alterna cos diálogos entre as personaxes.
Potencialidades educativas: a lectura desta obra propicia a atención e a asociación dos debuxos coas imaxes para comprender a historia. O uso dos pictogramas potencia a atención visual dos/as nenos/as. Este recurso pódese utilizar para traballar a temática da natureza e para achegar a infancia á aprendizaxe de novo vocabulario sobre alimentos e obxectos da vida cotiá.
Ningún comentario:
Publicar un comentario