xoves, 14 de maio de 2020

Corre corre, cabaciña




Mejuto, Eva (adapt.) (2006). Corre corre, cabaciña, ilust. André Letria, Pontevedra: OQO Editora, col. O, [30 pp.] (ISBN: 978-84-9871-532-3).

Descrición de formato e contido: álbum con adaptación do texto de Eva María Mejuto e o ilustrador André Letria. A autora inspirouse nun conto tradicional portugués para reescribir esta historia. O libro ten unha estrutura case cadrada, cunhas dimensión de 23x25 cm. As súas cubertas son de tapa dura, encadernado en cartoné, o que lle proporciona resistencia de cara ao uso das crianzas e adultos, facilitando a súa manipulación. Na cuberta aparece a ilustración dunha cabaza con pernas correndo, o que nos suxire unha idea sobre o que atoparemos dentro do libro. Os nomes da autora e o ilustrador seguen a esta ilustración. Na parte superior atopamos o título de obra con letras maiúsculas e na parte inferior, baixo a ilustración, o nome da editorial. Na contracuberta observamos as ilustracións de tres animais salvaxes, un lobo, un oso, e un león, coprotagonistas da obra. Na parte inferior o nome da editorial xunto á colección e o seu respectivo código de barras co ISBN.
 Cando abrimos o libro atopámonos as gardas, dúas páxinas cun fondo escuro e cheas de cabazas con diferentes expresións faciais, mentres que na páxina de título de créditos aparece toda a información da edición e na portada repítense os datos da cuberta e a ilustración dunha cabaza no centro da páxina, enmarcada sobre un circulo de cor laranxa escuro.
En canto ao contido da obra, a historia comeza coa presentación da historia protagonizada por unha avoa velliña que vive nunha aldea. Nesta primeira ilustración podemos ver a casa da avoa, da cal sae fume da cheminea o que nos indica que é unha estación fría, o outono posiblemente, enmarcándonos nun contexto temporal importante no contido da obra. A avoa recibe unha carta da súa neta invitándoa á súa voda. A anciá, moi leda, prepárase para marchar axiña. Durante o camiño a avoa irase atopando con tres feras salvaxes que impedirán o seu avance. A avoa, que era astuta, soubo enganalos mediante escusas para así poder chegar á voda, pero despois de toda a troula, como volvería para casa? A súa neta tiña a solución. Correu á horta na busca dunha cabaza na que metería a súa avoa para que volvese á casa rodando.
A relación das imaxes e o texto e cambiante, aínda que predomina o emprego da dobre páxina e os xogos de desproporcións, con algún caso de páxinas sen texto que dan pé á lectura visual. A cor dos fondos das páxinas tampouco é continuo e semellante durante todo o transcurso da obra. Son fondos de diferentes tonalidades, maiormente claras e da gamma dos laranxas. As ilustracións son figurativas e atractivas polas súas cores e dimensións. Nelas represéntannos aos personaxes coa perspectiva que queren transmitir sobre eles. Por unha parte atopamos unha avoa pequeniña e con medo, pero astuta ao mesmo tempo, fronte aos coprotagonistas da obra, tres animais salvaxes que queren comer a avoíña, de aí o seu tamaño moito maior.
O texto esta escrito en galego, con letra minúscula en cor negra. A cantidade de texto integrada por páxina é moderada, o que facilita a lectura de cara ás crianzas. Ademais o texto caracterízase por recorrer a repeticións, que son resaltadas en letra grosa. Estas intervencións teñen carácter repetitivo e rimado, co uso de diminutivos e aumentativos que atraen aos cativos facilitando a súa memorización.

Potencialidades: a lectura desta obra propicia a reflexión sobre múltiples temáticas, dende as referidas a distintas épocas do ano, os cambios de estación, os alimentos propios de cada temporada, as festividades etc. Tamén permite abordar aspectos como a capacidade para superar atrancos e a astucia, a imaxinación, a creatividade, a memorización e a musicalidade. 

Recursos: 



Ningún comentario:

Publicar un comentario