martes, 12 de maio de 2020

Biblioteca básica Os Bolechas. A rúa





CARREIRO, Pepe (2014). Biblioteca básica Os Bolechas. A rúa. Santiago de Compostela: Ediciones Bolanda, (a partir de 3 anos), [32 pp.]. (ISBN: 978-84-617-0252-7).

Descrición do formato: álbum ilustrado escrito en galego e cuxa primeira edición é de 2014. Está encadernado en cartoné con dimensións 27 x 21 Cm. O formato presenta unha cuberta cun semáforo verde sobre un fondo branco. Por enriba do semáforo atópase o título da colección e por debaixo atópase o título da obra e o número de colección. Na contracuberta, tamén sobre un fondo branco, aparece un breve resumo, a páxina web da colección e as marcas de fácil lectura. 
Este álbum non contén gardas, polo que nada máis abrilo atopamos a páxina de dereitos e a portada, que é igual que a cuberta. No final do álbum, aparece a imaxe e o nome de cada personaxe.

Descrición do contido: este álbum ilustrado aborda o comportamento que se debe ter na rúa, explicando os pasos de peóns, os semáforos, como comportarnos no coche e no autobús, como temos que levar o can pola rúa, o coidado da natureza e animais e os perigos que se poden producir. Os campos semánticos que se atopan no texto son os elementos da rúa (paso de peóns, semáforo, beiravía, calzada...), os vehículos (autobús, coche, moto...) e as accións (cruzar, parar, esperar...). Ademais, o álbum ilustrado presenta pictogramas de fácil lectura que se inclúen a pé de páxina e teñen recadros de diferentes cores segundo a función gramatical (nomes, verbos, adxectivos e adverbios) que posibilitan unha rápida comprensión do texto.

As ilustracións: a estrutura que segue o álbum é sempre a mesma; aparece na maior parte da páxina a ilustración e na parte inferior o texto e os pictogramas que complementan as ilustracións. Cada páxina trata un aspecto de como comportarse na rúa, pero hai páxinas nas que a ilustración abarca ambas. As ilustracións son moi significativas e de cores vivas que chaman a atención do público, proporcionando a maior parte da información só coa visualización das ilustracións.

Potencialidades: este álbum ilustrado, cunha linguaxe sinxela, é un bo instrumento para traballar o comportamento que se debe ter na rúa, fomentando así a responsabilidade e interese para a interacción co medio. Esta proposta aprovéitase para que os nenos e nenas coñezan o significado do texto observando e traballando cos pictogramas, sendo unha ferramenta para lectores noveis ou para nenos e nenas con dificultades para acceder á lectura. Outro aspecto interesante da obra é o recurso didáctico de fácil acceso desde dispositivos móbiles ou ordenadores empregando os códigos QR que conteñen as páxinas. Ademais, na páxina web tamén se presentan os recursos didácticos e moitas máis posibilidades. Empregar tanto esta colección de “Os Bolechas” como calquera das outras coleccións convértense en ferramentas moi significativas para traballar con nenos e nenas. Ademais, moitos álbums ilustrados preséntanse tamén en vídeo, un recurso moi empregado en Educación Infantil.

Recursos:

Bolanda (2015). Biblioteca básica Os Bolechas. Recuperado de: https://www.osbolechas.gal/biblioteca/index.html (consultado o 30/04/2020).
Os Bolechas (2012). Canal oficial de Os Bolechas. Recuperado de: https://www.youtube.com/user/OsBolechas/about (consultado o 30/04/2020).


Ningún comentario:

Publicar un comentario