Núñez, M. (2008). Bebé Bigotes.
Pontevedra: OQO Editora. [36 pp.]. (ISBN 978-84-96573-46-8).
Descrición do formato e contido da obra: álbum
ilustrado de tapa dura da autora Marisa Núñez e con imaxes de Alessandra
Cimatoribus. Recomendado para un público de máis de 4 anos, conta cunhas
dimensións de 25 x 23 cm e está encardernado en cartoné. É un conto versionado
dun relato tradicional mongol que incorpora un dos grandes misterios da vida:
cómo xorden os bebés? Ao mesmo tempo que inclúe outros temas como a idade, a
familia e a procreación. Trátase dunha parella de avós que queren ter un bebé,
pero non saben cómo facelo. Despois de tentalo en diversas ocasións, de
experimentar diferentes fórmulas e incluso pedirlle a colaboración aos Reis
Magos e ás cegoñas, ocorréuselle á avoa unha idea…
A propia cuberta do libro amósanos á
parella empurrando un carro de bebé de cor azul. Van paseando por un prado
verde que semella ser o mesmo lugar onde se atopaban cando ían pedir axuda aos
Reis, ás cegoñas e ao pozo. Están camiñando costa abaixo cara á esquerda, en
dirección oposta á apertura de páxinas do libro, o que pode interpretarse como
un anuncio do absurdo que domina cada unha das accións que emprende a parella,
contrarias a toda lóxica.
As cores empregadas son variadas.
Predomina a cor verde que está presente en todas as páxinas e en distintos
tons. Os debuxos preséntanse coas cabezas máis grandes que o resto de corpo e
certas expresións moi esaxeradas. Os ollos moi redondos e sempre totalmente
abertos, nunca perden a súa forma. Nalgunhas ocasións os corpos dos
protagonistas vólvense demasiado longos e estirados, dependendo da posición que
ocupen en relación a outros elementos da imaxe.
Recórrese á disposición en dobre páxina,
co texto situado nun recuncho da parte inferior, tanto á dereita como á
esquerda, o que lle outorga o protagonismo ás imaxes, que configuran unha rica
lectura visual da historia narrada e que marcan o ritmo e sentido das accións
que levan a cabo os personaxes, recorrendo en ocasións á inclusión de
diferentes planos nas diversas imaxes.
Potencialidades: a lectura deste álbum permítenos abordar nunha aula de Educación Infantil
diferentes liñas temáticas: a orixe dos bebés, a maternidade, as diferentes
etapas da vida, os condicionamentos da idade, as estruturas familiares, os
modos de concibir etc. Tamén o humor e a parodia como elementos motivadores
para a lectura.
Traducións: Bebé Bigotes podemos atopalo en dous idiomas:
castelán e galego.
Recursos educativos:
Lectores 3.0 (2014). “Bebé Bigotes”.
Recuperado de https://www.youtube.com/watch?v=jpQwlHYhfHQ (consultado
27/04/20).
Ningún comentario:
Publicar un comentario