Azcona, Marta de (2005). Un
agasallo diferente, ilust. Rosa Osuna, trad. Manuela Rodríguez. Pontevedra:
Kalandraka Editora, col. Demademora, [40 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-527-6).
Contido, descrición e forma: álbum ilustrado de Marta Azcona, con
ilustracións de Rosa Osuna, no que as imaxes son necesarias para seguir o fío
da historia. Na cuberta preséntase unha imaxe dos protagonistas, Marcel e
Tristán, no que se pode observar o que será o comezo da historia: Marcel
abrindo o agasallo que Tristán lle fixera polo seu aniversario. Na parte
superior da cuberta atópase o título, en tipografía de cor negra. A cuberta
incorpora formas xeométricas, ao igual que no resto do álbum. Na contracuberta
pódese apreciar a imaxe do can de Marcel, presente ao longo de toda a historia,
sentado enriba dunha rocha.
No interior do álbum a tipografía é
sinxela e de cor negra, ademais de empregar o espazo dispoñible, adaptándose á
colocación das imaxes. As ilustracións non son realistas e a ilustradora
emprega gamas de cores apagadas como grises ou azuis, aínda que tamén emprega
cores máis vivas, como o vermello ou o amarelo para crear contraste. Ao longo
das páxinas pódese observar o emprego de formas xeométricas e abstractas nas
ilustracións. A historia está contada a través de diálogos entre os dous
protagonistas, aínda que a autora tamén recorre a un narrador en terceira
persoa. En canto á arquitectura textual, ao longo do álbum a autora emprega
repeticións; ademais, cando se lles presenta un problema ás personaxes, déixase
en mans das ilustracións a interpretación da solución a ditos problemas.
En canto ao contido do álbum, está
protagonizado por Marcel e Tristán, dous amigos. No seu aniversario, Marcel
recibe un agasallo do seu amigo Tristán, este agasallo é un anaco de tea
sobrante dunhas cortinas e Marcel dille ao seu amigo que el preferiría unha
buxaina. Despois, Marcel convida a Tristán a merendar e como non querían mancharse
utilizan a tea como pano para limparse. A continuación, marchan dar un paseo e
ao longo da súa camiñada, danse de conta da infinidade de usos que ten un anaco
de tea: emprégano para taparse do sol, utilizárono como vela para cruzar o río
ou para chegar voando de volta a súa casa. Ao final da historia, Marcel
recoñécelle a Tristán que lle gusta máis ese agasallo que a buxaina que el
quería.
Potencialidades: este álbum ilustrado ofrece moitas posibilidades para
traballar en Educación Infantil. A lectura desta obra transmite valores como a
amizade, a importancia de compartir e sobre todo, o poder da imaxinación e a
creatividade, xa que os protagonistas conseguen darlle moitísimas funcións e
utilidades a un anaco de tea. Ademais, trátanse temas como a humildade, a
cooperación ou o agradecemento, valores que é moi importante tratalos dende a
infancia.
Traducións a outros idiomas e premios: a versión orixinal deste
álbum ilustrado está en castelán e publicouse no ano 2005. Ademais da tradución
ao galego por Manuela Rodríguez Lorenzo, publicouse no ano 2008 unha tradución
ao inglés por Esther Sarfatti Bacolas e no ano 2016, unha tradución ao catalán
por Ignasi Centelles.
Recursos educativos
A historia contada por nenos
e nenas de 4 anos do CEIP Plurilingüe de Covas, en Lugo: http://covastk.blogspot.com/2017/06/os-nenos-e-nenas-de-4-anos-contannos-un.html (consultado o 26/04/20)
Vivir entre versos (2016). Un
regalo diferente (comentario sobre a obra): http://vivirentreversos.blogspot.com/2016/03/un-regalo-diferente_6.html (consultado o 26/04/20)
Un punto curioso (2014). Un
regalo diferente (dramatización da obra): https://www.youtube.com/watch?v=_iR5Q938vOw (consultado o 26/04/20)
Ningún comentario:
Publicar un comentario