Fariña, Anxo (2004). Os magos das formas. Vigo: Promocións Culturais
Galegas, 28 pp. (ISBN: 84-96403-23-8)
Descrición do formato e contido: álbum ilustrado de Anxo Fariña que presenta
unha cuberta de vivas tonalidades amarela, azul e violeta sobre un fondo tamén
amarelo escuro. Dáselle unha cor e unha forma diferente a cada un dos tres magos
protagonistas. O título atópase na parte superior central en cor branca. A
contracuberta amosa unha ilustración dos tres magos facendo maxia dende unha
torre con tres ventás con formas rectangular, triangular e circular, unha para cada
mago. Tamén aparece unha breve sinopse da historia con tipografía de tamaño
medio, a mesma que se utiliza en toda a obra. Nas gardas represéntase un fondo
azul vistoso cunhas liñas en formas de ondas, mentres que na portada aparece de
novo o título no centro rodeado por pequenas ilustracións das escenas que
aparecen por todas as páxinas do libro.
A historia narra a confrontación entre os tres magos das formas por saber cal é a
forma máis importante no mundo. Así deciden facer unha proba eliminando cada
unha das formas durante un día distinto para que os propios veciños puideran votar
a mellor. Cada día cambia a vida para a aldea porque sen as formas faltan moitos
obxectos cotiáns e incluso letras, así que ao final os veciños acaban moi
desgustados co que fan os magos. Eles atopan a unha nena que lles di que a súa
forma favorita é a estrela, polo que os magos se decatan de que todas as formas
son importantes por igual e deciden convidar aos veciños a unha festa polas
molestias.
Potencialidades: a lectura deste álbum ilustrado permite achegarse á temática da
fantasía e da maxia mediante as figuras dos magos. Ademais, para nenos e nenas
das primeiras idades tamén os aproxima ás formas xeométricas, pois poden
identificar as formas básicas da contorna e clasificalas. Durante cada día en que
desaparece unha forma na historia noméanse obxectos cotiáns, alimentos e letras,
así que a obra resulta unha boa opción para trasladar estes exemplos á realidade
dos pequenos/as.
Ningún comentario:
Publicar un comentario