mércores, 13 de maio de 2020

Capellone


Le, Khoa (2014). Capellone. Ilust. da autora, trad. Italiano de Federica Rogmanoli, trad. inglés de Isabel Wagner. Chermignon: Editorial Nuinui. (ISBN: 978-2-88935-005- 6).
Descrición do formato e o contido: álbum ilustrado de capa dura de Khoa Le en edición bilingüe italiano-inglés. Na cuberta, mediante un modelado 3D (impresión lenticular), aparece o título do libro e o nome da autora e unha imaxe de media cara do protagonista, que ten un niño de pombas na cabeza e cunha expresión de inquedanza no rostro, que invita a indagar que é o que lle pasa. Na contracuberta hai un colofón final, acompañado dunha pomba vermella. Nela tamén atopamos a páxina web da editorial e o ISBN. Antes da portada está a páxina de dereitos, na cal aparece a edición orixinal e o ano desta, lugar de publicación e as responsables das traducións: ao italiano (Federica Rogmanoli) e ao inglés (Isabel Wagner). Na portada aparece o título do conto e a responsable do texto e ilustración (Khoa Le), da cal hai máis información e unha fotografía nas páxinas finais. As páxinas que conforman o conto son de papel encerado.Dende o punto de vista do contido abórdase unha problemática moi común da etapa infantil: o desgusto porter que peitearse. A anécdota parte do desagrado que sofre o protagonista ao peitearse, a partir da cal se aborda o amor e agradecemento cara á súa nai, quen atopa unha solución ao niño de páxaros que leva o protagonista no pelo, formado por non peitearse e que interrompen cos seus asubíos en cada actividade da vida diaria deste. Este álbum ilustrado propicia unha lectura que esixe a implicación do lector activo na configuración de sentidos polas repercusións de non asear o cabelo. A estrutura asenta en parágrafos breves, cos textos en italiano na parte superior e en inglés, na parte inferior. Obsérvase unha forte ligazón entre as ilustracións e o contido, reflectido especialmente nas expresións faciais do protagonista. As ilustracións propician unha lectura visual complementaria ao texto e amplían os contidos da obra. Caracterízanse por cores vivas, plasmadas en acuarela e con disposición de dobre páxina.

Potencialidades educativas: a lectura desta obra permítenos abordar cuestións relativas a hábitos saudables e ao coidado do propio corpo, particularizado no aseo do cabelo. A empatía co protagonista favorece a reflexión sobre a necesidade dunha hixiene capilar axeitada, ademais de, transversalmente, tratar outras reaccións propias da infancia como os enfados e rabechas que poden sufrir os máis pequenos. A obra tamén axuda a desenvolver a expresión de sentimentos mediante a mímica e ao presentarse en dúas linguas diferentes, contribúe á adquisición e toma de contacto con idiomas diferentes, valorando a diversidade lingüística a través do contacto temperá coa súa oralidade.


Ningún comentario:

Publicar un comentario