mércores, 13 de maio de 2020

Que tal estás?


Browne, Anthony. (2012). Que tal estás? trad. Silvia Pérez. Pontevedra: Kalandraka, col. Tras os montes, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-723-2).

Descrición do formato e contido: álbum ilustrado escrito orixinalmente en inglés por Anthony Browne e traducido á lingua galega por Silvia Pérez Tato. Este libro pertencente á colección “Tras os montes” da editorial Kalandraka e ten unhas dimensións de 27x20 cm. Conta con 32 páxinas e está encadernado en cartoné. Na súa cuberta pódese ver, na parte superior, o título da obra; na inferior o nome do autor e a editorial. Enchendo toda a cuberta aparece o protagonista, un mono andando sobre unha corda frouxa, personaxe presente en máis obras do autor. Na contracuberta, de fondo predominantemente vermella, pódense ver tres pistas para realizar con nenas e nenos ao rematar de ler a obra. As gardas son completamente de cor amarela e non teñen ningún debuxo ou forma. Na páxina de dereitos en cor vermella recóllense todos os datos da edición en na portada repítense os datos da cuberta sobre un fondo de cor branca. Ademais nesta portada aparece centrado un debuxo do mono.
En canto ao texto, emprégase unha linguaxe sinxela sobre as emocións onde a tipografía empregada son letras minúsculas, as cales teñen tamaño lixeiramente superior ao normal e na maioría dos casos son de cor negra, para facilitar a lectura sobre o fondo branco. Ademais nesas páxinas incorpóranse ilustracións do propio mono, onde este reflicte, na súa expresión facial e corporal, as emocións que vai sentindo e que se corresponden co texto desa páxina. Así mesmo, cara ao final da obra incorpóranse, a modo de resumo, todas as ilustracións que se foron vendo ao longo do volume, xunto coa pregunta que dá título ao álbum. A disposición xeral do texto é variada, podendo atoparse na parte inferior, na superior ou na central, mentres que o resto da folla queda reservada para a ilustración correspondente. As imaxes do mono parecen estar feitas a cera bordeadas con lixeiros trazos de lapis. Todas elas son de cores rechamantes, con predominio das cores azuis, verdes e vermellas e amarelas e recrean a vestimenta do mono, que leva un peto vaqueiro cun xersei verde.
Que tal estás? é unha obra contada por un narrador, mentres que a personaxe amosa as emocións das que se fala mediante a xestualidade, un total de dezaseis emocións ou estados de ánimo. Destacar que esta obra se pode atopar noutros idiomas como: castelán, catalán, éuscaro e portugués, ademais do galego e o inglés.

Potencialidades: a lectura desta obra estaría dirixida a nenas e nenos a partir dos 3 anos de idade. Coa lectura desta obra poderíanse traballar os estados de ánimo dunha maneira máis amena, mesmo no día a día, posto que coas ilustracións a modo de recompilación que aparecen ao final da obra, os nenos e nenas poderán sinalalas segundo se sintan nese preciso momento, polo que é unha ferramenta moi útil que os axudará a expresarse, a favorecer o autocoñecemento e a súa socialización cos demais. Por outra banda, poderíase explicar a importancia de sentir diferentes estados de ánimo e emocións, xa que todo o mundo pode sentirse dunha maneira distinta en calquera momento. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario