mércores, 13 de maio de 2020

Mamá, ti si que me entendes!

Mamá, tú sí que me entiendes – InnovArte Educación Infantil Español


Teresa Moure, 2009. Mamá, ti si que me entendes!. Vigo: Galaxia, [24 pp.]. (ISBN: 978-84-9865-148-5).

Descrición do formato: álbum ilustrado con texto de Teresa Moure e ilustracións de Leandro Lamas Hermida. Presenta capa dura e na cuberta aparecen dúas siluetas sobre un fondo azul. Unha corresponde a unha nai mostrando un rostro de felicidade e outra o fillo/a ao que sostén nos brazos. O neno/a mostra sentimentos de alegría e calma como consecuencia da protección da súa nai. Na contracuberta vese a tres mulleres e un can asomándose tras unha porta ou parede laranxa sobre un fondo azul, xunto co nome da colección na que se integra a obra. Xa no interior, predominan as ilustracións sobre o texto, dado que ocupan a dobre páxina, mentres que o texto se reduce a unha breve frase, o que fai que nos centremos máis nas imaxes. As cores que destacan no álbum son o azul, o marrón, o rosa e o laranxa.
É un libro para todas as idades, no que teñen unha especial significatividade as rimas. Nas imaxes sempre aparecen a nai e o seu bebé. Estes transmiten sentimentos cara ao lector. Salienta ademais o suxestivo da lectura visual, pola liberdade que ofrece para reconstruír e recrear cada escena de forma persoal.

Descrición do contido: a obra reflicte a relación dunha familia monoparental, formada por unha nai e o seu bebé. Narrada en primeira persoa dende o punto de vista do bebé, vaise construíndo o retrato da maternidade, dos medos e inseguridades, das presións sociais cara a un modelo de control das mulleres e dos intereses do mercado, temáticas que salientan pola perspectiva adoptada: a do bebé.

Potencialidades: a lectura desta obra permítenos traballar cos nenos e nenas a temática da educación emocional e as relacións afectivas, neste caso, centrándonos na figura materna. Por outra banda, tamén permite reflexionar sobre o respecto pola diversidade de familias existentes. Tamén a lectura desta obra, pon de relevo a capacidade que ten a literatura para a emotividade e o poder de empatía e identificación co universo recreado, así como a efectividade da linguaxe para transmitir todos os sentimentos que percorren a obra a través de estruturas textuais moi breves, pero cunhas ilustracións moi simbólicas e potentes.


Ningún comentario:

Publicar un comentario