Mejuto, E. (2014). Maruxa, Ilustr. M. Milhes. Pontevedra: OQO. (ISBN: 978-84-9871-511-8).
Descrición do formato da obra: estamos ante un álbum ilustrado con dimensións de 25 x 23 cm, encadernado en cartoné e escrito en lingua galega, que presenta un total de 28 páxinas. Na cuberta, ocupando gran parte dela, aparece Maruxa limpando coa man a suor da súa cara. Sabemos que se atopa na cociña porque está a mesa chea de fariña, ten o fermento, a báscula, o sal, os cubertos..., todo o que precisa para facer o pan. Na parte superior aparece o nome da escritora máis o da ilustradora e tamén o título do conto en letras vermellas e máis grandes. Na cuberta tamén podemos apreciar o nome da editorial á que pertence o conto. Na contra cuberta aparece unha ilustración de Maruxa e máis a súa parella, Pepiño, facendo un pícnic nun campo preto dun muíño. Están situados debaixo dunha árbore e xunto eles atópase un can. Aquí volve mostrarse o nome da editorial e o código do ISBN. No lombo móstrase o título e o logo da editorial. As gardas do principio amósannos a cantidade de tarefas que ten que facer Maruxa nun só día, mentres que Pepiño non colabora en nada; en cambio, nas do final, aparecen ilustracións totalmente distintas, xa que Pepiño participa nas tarefas da casa. Na portada aparece unha imaxe similar á da cuberta.
Descrición do contido da obra: a obra cóntanos a historia de Maruxa e do seu home Pepiño. Ela labraba, cosía e limpaba; mentres tanto, o seu esposo durmía, folgaba e cantaba. Entón ela decidiu darlle unha lección para que Pepiño se decatara de que as tarefas da casa estaban mal repartidas. O que fixo foi pedirlle pouco a pouco todos os ingredientes que precisaba para facer o pan que Pepiño lle pedira para o almorzo, ata que chegou a noite e Maruxa lle dixo que estaba demasiado cansa para cociñar o pan. Entón Pepiño deuse conta de que el tamén tiña que facer as tarefas da casa, para que non fose todo responsabilidade de Maruxa.
Potencialidades educativas: entre as posibilidades que ofrece a obra Maruxa, destaca a utilidade que ten para poder traballar os roles e convencionalismos de xénero. Máis concretamente, podería tratarse co alumnado o reparto de tarefas na casa e o recoñecemento dese traballo que se fai dentro do fogar, sempre evitando estereotipos sexistas. A lectura deste libro permite valorar os labores da casa e concienciar da importancia que supón a súa distribución igualitaria entre os membros da familia, xa que en moitos casos aínda se seguen presupoñendo como responsabilidade da nai.
Recursos educativos:
- Teatro de marionetas: https://www.youtube.com/watch?v=tXuXUne6mKc (consultado o 21/04/2020)
- Curtametraxe adaptada: https://www.youtube.com/watch?v=EBdHAtctut4 (consultado o 21/04/2020)
- Obra de teatro interpretada polos alumnos do CEIP Coirón: https://vimeo.com/127241733 (consultado o 21/04/2020)
Creo que é unha obra moi interesante para tratar a importancia da igualdade de xénero dende moi pequenos. Ademais de facerlles ver o valor que ten axudar a realizar as tarefas da casa, explicándolles que as mulleres non teñen que ser as únicas que as leven a cabo. Considero que esta obra e apta para traballar tanto na escola coma nas familias e así, a través dun posible traballo conxunto, aproximalos aínda máis á importancia deste tema. Unha obra relacionada coa igualdade de xénero, a cal tamén destacaría, sería Artur e Clementina, da autora Adela Turin.
ResponderEliminar