Cerro, Miguel (2015): Despois da chuvia, Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, trad. Manuela Rodríguez. Pontevedra: Kalandraka, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-968-7)
Descrición, formato e contido: Trátase dun álbum ilustrado de lectura convencional. No seu formato físico (cuxas dimensións son: 19,5 x 29 cm.) ten unha cuberta de tapa dura onde figura o título do conto e o premio outorgado (VIII Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados) na parte superior, o nome do autor á dereita e o da editorial na parte inferior. Na ilustración da cuberta podemos apreciar un raposo enriba dunha montaña cun fondo azul escuro que asemella a cor da noite, nesta ilustración apréciase un sentimento claro de soidade.
As gardas son de cor azul escura e lisas, o que remite cara á noite e a escuridade. A portada reproduce os elementos da cuberta, título da obra e ilustracións nas que aparece de novo o raposo, pero o debuxo do raposo sae cortado, coma se estivese entrando no conto e unha nube escura con choiva semella aparecer detrás del. A páxina de títulos de crédito atópase na parte final do libro e nela figuran os datos identificadores da obra, o premio outorgado e os membros do xurado do certame, ademais dunha breve frase, que é a dedicatoria do autor “A miña familia e Sara, sen eles non chegaría isto.”
O texto e as ilustracións que se presentan son grandes debuxos cheos de cor nas primeiras páxinas ata que chega a noite e todo se torna moi escuro, o que acentúa a sensación de soidade, reflexo do estado anímico do protagonista, o raposo. O texto que atopamos acompañando as ilustracións son frases sinxelas e moi breves, pero cunha gran carga emotiva.
Este conto ten un narrador omnisciente que vai relatando a historia e todo o que acontece. Iníciase coa presentación dos animais e o lugar onde viven; todo semella tranquilo e feliz, pero un día comezou a chover “E cada vez chovía máis e máis e máis…”. Os animais teñen que refuxiarse no alto dunha montaña porque todo comeza a inundarse, tal e como din que pasou no diluvio universal. Ante esta situación os animais comezaron a repartirse tarefas, pero ningunha lle é asignada ao raposo, que sente que non está axudando ao grupo. Finalmente, unha noite atopará a forma de contribuír ao benestar dos seus compañeiros, aportando o seu gran de area.
Potencialidades para traballar nunha aula: A lectura desta obra permítenos tratar asuntos como a superación das adversidades, a necesidade de sentirse útil en situacións extremas ou incluso percibir que está no lugar adecuado e coa compañía que te acepta e axuda. Ademais tamén se abordan os sentimentos, en especial o desacougo e intranquilidade do protagonista, fronte ao esforzo e coidado do grupo para con el. A lectura deste álbum ilustrado permite tamén enlazar o universo ficcional recreado con historias antigas, como a do diluvio universal recollida na Biblia. Por outra parte, os animais son un gran centro de interese na etapa infantil e se cadra a partires desta obra podemos introducir diferentes temas ao redor deles, así como traballar aspectos de supervivencia, ben común, solidariedade ou cooperación fronte a sobreprotección; desconfianza e prexuízos.
Traducións a outros idiomas e premios
O contro está traducido nos seguintes idiomas: castelán, galego, catalán, éuscaro, portugués e italiano, sendo o seu idioma orixinal o castelán e o título Después de la lluvia. No ano 2015, data de publicación do libro, o autor Miguel Cerro recibiu o VIII Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario