mércores, 26 de abril de 2017

EL LIBRO DE LOS 101 CUENTOS


Strich, Christian (2015), EL LIBRO DE LOS 101 CUENTOS, ilust. Tatiana Hauptmann, trad. Enrique Bernárdez, Mª Antonia Seijo, Isabel Vicente, Joëlle Eyheramonno e Fernando Santos, Madrid: Anaya, [672pp.] (ISBN: 978-84-698-0668-5).


Descrición do formato e do contido da obra: libro ilustrado de formato rectangular e tamaño grande (21,5 x 27,5cm) encadernado en cartón duro, e con follas de papel fino. Na cuberta aparece o título da obra e unha ilustración en cor do conto “La bella y la bestia”, que é un dos moitos que están recollidos neste libro. Esta obra é unha recompilación de contos europeos tanto cultos como populares, uns máis coñecidos e outros menos.


As ilustracións son moi elaboradas e todas foron debuxadas a man por Tatiana Hauptmann. A maioría delas están en branco e negro, pero tamén hai algunhas en cor. Estes debuxos non aparecen sempre localizados nas mesmas páxinas. Unhas veces están nas pares, outras veces nas impares e outras en ambas. O texto é a parte máis importante da obra, polo que ocupa a maior parte desta. Emprégase unha linguaxe bastante complexa, difícil de comprender para os mais cativos, pero isto non nos sorprende, xa que se trata dunha obra destinada a mediadores máis que a nenos.


Potencialidades: Como xa se mencionou anteriormente, esta é unha obra enfocada máis ben a adultos que a nenos, que ten como fin distraer, divertir e tamén instruír. O autor desta recompilación pretende achegarnos as versións orixinais dos contos clásicos coas menores modificacións posibles, para que nos decatemos de que eses contos non son os que nós coñecemos. A maior parte desas historias foron creadas para concienciar ás rapazas novas dos perigos do mundo, pero en moitos casos os finais foron modificados para adaptar as historias ao público máis novo.
Este paréceme un libro moi interesante, que todo o mundo debería ler algunha vez, especialmente nais, pais, docentes, e demais persoas relacionadas co mundo da educación infantil, para así ter unha maior perspectiva dos contos que lles contamos aos nosos nenos e nenas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario