López Domínguez, Xan (2015). El camaleón malcarado, ilust. do autor, Zaragoza: Edelvives, (+3 anos), [34 pp.] (ISBN:
978-84-140-0140-0).
Descrición
do formato e o contido: atopámonos ante un álbum ilustrado, cun formato de tamaño medio e case cadrado (22,5x20 cm).
Tanto a cuberta como a contracuberta anticípannos o contido da obra cunha continuidade dun bonito atardecer. Concretamente na
cuberta aparece o protagonista da obra, un camaleón do máis particular,
cheo dunha gran variedade de formas e cores, o que mostra estar deseñado
cunha grande imaxinación. No referente á contracuberta, ademais da paisaxe hai un
resumo conciso sobre a historia. O interior da obra presenta ilustracións atractivas, moi
semellantes á que se nos mostra na cuberta, cunha gran variedade de
paisaxes, cores terra moi definidas e textos ubicados en distintas zonas das
páxinas, nalgúns casos nas pares e noutras nas impares. Estes textos describen
a ilustración, que aparece a toda páxina. Ademais, cara ao final
da obra os textos retoman palabras que foron citadas nas primeiras páxinas, configurando unha historia circular e que favorece a memorización.
O protagonista da obra
é un camaleón Malcarado, rei da camuflaxe, xa que é capaz de mimetizarse con
calquera cousa do seu contorno (follas, ramas, flores, froitos…) e sempre
intenta superarse. Non obstante, había unha cousa que se lle resistía: camuflarse
co atardecer. Pasado un tempo, o camaleón díxolles aos seus amigos que quería
coñecer máis mundo, despedíndose deles cun “No me olvidéis” e desaparecendo
para sempre. Aínda así, os seus amigos recordábano sempre que vían limóns, montóns de ramas, follas, flores
etc. E cando miraban o solpor, por máis que intentaban buscar algún indicio
da súa silueta non eran capaces de descubrilo. Para eles estaba claro: o seu
compañeiro alcanzou o seu maior reto.
Potencialidades: É
unha obra que, baixo a súa aparente sinxeleza, ten un gran transfondo. Permite
que as nenas e nenos comecen a ser conscientes da importancia da perseverancia,
das cousas ben feitas e da adaptación ao medio, ademais de que iso sempre será
apreciado polas persoas que nos rodean e pode ser motivo de deixarlles un bo
recordo. Así mesmo, a súa lectura é recomendable para comezar a apreciar as cores,
que ao ser tan vivas constitúen un estímulo que capta rapidamente a súa
atención, podendo facer interpretacións subxectivas das imaxes que visualizan
e tendo por esta e outras razóns unha grande importancia no seu desenvolvemento. Estas
cores son ademais unha invitación dirixida a que nenas e nenos xoguen a encontrar o
camaleón. En xeral é unha historia magnífica, chea de simbolismo, pois tamén
pode interpretarse como unha introdución cara á existencia da morte, que un ser querido nos
deixe, permitindo que os nenos/as poidan ir asimilándoo da mellor forma posible.
Este é un tema que resulta imprescindible tratar cos cativos/as –sempre
adaptándoo á súa idade– ao ser unha etapa ineludible da vida pola que todos
pasaremos e que, a pesar da tristura que provoca, temos que aceptalo e quedar
cos bos recordos desas persoas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario