sábado, 18 de febreiro de 2017

Nicomedes o pelado

Pinto e Chinto (2013), Nicomedes o pelado, ilust. dos autores, Pontevedra: Kalandraka, (de 3 a 12 anos), [48 pp.]( ISBN :978-84-8464-697-6).



Breve descrición e formato da obra: Este albúm ilustrado de tapa dura e formato rectangular (17x31 cm) ofrécenos unha historia moi divertida nunha obra que chama a atención dende o formato ata as fermosas ilustracións. Ao longo do albúm atopamos un único plano que cambia páxina tras páxina, só en pequenos detalles segundo o texto, xunto a un gato na outra páxina que tamén muda de actitude, ante as ocorrencias do personaxe principal. Só precisamos humor para abrilo e gorzar con el, mentres asistimos ás peripecias do protagonista, Nicomedes, que trata de disimular a caída do seu cabelo dos xeitos máis insospeitados. 






Potencialidades: a historia surrealista de Nicomedes axuda a reflexionar sobre a excesiva importancia que lle damos ao noso aspecto nesta sociedade na que a imaxe exterior é máis importante cá interior, e a excesiva importancia que damos ó noso aspecto físico, e que ás veces  fai que non nos sintamos a gusto con nós mesmos. 
O repertorio imaxinativo que este mesmo home desprega para facer fronte á súa nova situación ( a perda da súa espléndida cabeleira), fará que bote man de todo tipo de enxeñosas alternativas para ocultar a súa prematura calvicie. 
Esta obra está pensada para primeiros lectores polo que a historia é sinxela e directa, vai ao miolo para achegala aos máis pequenos. É esa dimensión lúdica a que facilita que o libro funcione moi ben cando se conta en voz alta, convidando a unha escenificación participativa. 


Dentro das súas páxinas hai moito humor, cunha estructura de xogo co lector, na que ademais dun desafío para a imaxinación, a sorpresa que atopamos en cada páxina, na procura dunha nova imaxe do personaxe que poida ser a solución definitiva ao seu problema (ata chegar ao insopeitado final), convértese grazas ao humor nunha parodia xenial do gusto de maiores e nenos. 

A historia que plantexa este albúm, ademais, amósalles que os problemas da vida hai que tomalos con humor e a buscarlles solucións creativas.
Por iso esta obra tamén é unha ferramenta moi útil para traballar cos nenos á hora de crear novas solucións para Nicomedes nas que eles participen e espertar así a súa imaxinación e creatividade, podendo crear con eles producións de todo tipo: monicreques do personaxe, debuxos, obras teatrais, etc. 
En definitiva, trátase dunha obra aparentemente moi sinxela, pero que nos abre un sinfín de posibilidades creativas e imaxinativas, como as que nos plantexan os autores.   
  

1 comentario: