mércores, 15 de febreiro de 2017

A Cebra Camila

Núñez, Marisa (1999), A cebra Camila, ilust. Óscar Villán, Pontevedra: Kalandraka Editora, [32 pp.] (ISBN: 978-84-8464-126-1).




Breve descrición do formato e contido da obra: Álbum ilustrado de tapa dura, forma cadrada (22 x 22 cm) e encadernado en cartoné. A protagonista desta historia é unha cebra chamada Camila a cal, tras non facerlle caso aos consellos da súa nai, decide saír da casa sen as súas vestiduras. Debido a isto o vento borrou as súas raias e Camila botouse a chorar. Ante a súa tristura, diversos animais vanlle recompoñendo ou seu corpo liso con diferentes recursos para que Camila pare as súas bágoas. Cando chega á casa, a súa nai decátase de que Camila xa non é a mesma, xa medrou, e que polo tanto non precisa de levar tirantes e cueiro.





Potencialidade: este conto paréceme axeitado para nenos e nenas da partir dos catro anos de idade. A autora é mestra de educación infantil polo que coñece ben a maneira de atraer a atención dos máis cativos. A historia é unha metáfora do paso da etapa da infancia, de modo que se ficcionaliza o proceso de crecemento, a fugacidade do tempo, dos problemas que van xurdindo etc… O texto presenta unha estrutura encadeada e utilízanse nel recursos propios dos contos tradicionais: xogos de preguntas e respostas, rimas... acompañado de ilustracións moi expresivas en cada unha das súas páxinas, que axudan os cativos a comprender mellor a mensaxe escrita nelas.

1 comentario:

  1. Eu destacaría tamén o valor de compartir que amosa esta obra ós máis cativos, xa que ante o problema que ten Camila (a perda das súas raias), todos os animáis que vai atopando intentarán axudala dándolle algo seu. Tamén me parece importante sinalar a sonoridade que ten todo o texto rimado, que o fai moi atractivo para a etapa infantil.

    ResponderEliminar