G. Xoán (2011). O Apalpador e a castaña máxica, A Coruña: Biblos Club Editores, ( 4 a 12 anos) [36 pp], ( ISBN: 978-84-15086-15-4).
Breve descrición do formato e contido da obra: É un libro de formato pequeno, case cadrado, cunha encadernación de cuberta dura e unhas ilustracións moi fermosas. Mención Especial do Premio Xosé Neira Vilas ao libro infantil e xuvenil do ano 2011 (AGE), este fermoso libro achéganos á figura do apalpador, personaxe mítico galego que baixa polo Nadal a levarlles os agasallos aos nenos e nenas. Entra de noite nos seus cuartos cando están durmidos e apálpalles a barriguiña por ver se enstán mantidos e déixalles, ademais dos xoguetes, unha presa de castañas .
"O señor Apalpador, como todos os días, érguese e fai os seus labores cotiáns. Mais un día decátase de que algo mudaba esa rutina, non atinaba ben a identificalo, pero parecía que as cousas que pensaba volvíanse realidade. Algo misterioso? Algo máxico? Será unha castaña a responsábel de todo? Será unha castaña distinta? Pero... pásalle só a el?" Para descrubrilo haberá que achegarse ás súas páxinas e entrar no seu mundo.
Potencialidades: A figura do Apalpador segue a ser descoñecida para moitos nenos e nenas galegos (e non tan nenos), polo que é moi importante coñecela dende idades temperás para que non desapareza da cultura galega, e evitar que Papá Noel siga a roubarlle o seu traballo. Este libro axudaranos a coñecer mellor a este personaxe, unha das figuras máis representativas das montañas lucenses do Courel, e tamén dalgunhas razas autóctonas de animais domésticos simbolizando, á súa vez, un canto á imaxinación e á creatividade que envolve o mundo do Apalpador.
Ningún comentario:
Publicar un comentario