Didierjean,
M.A. e Beaumont, J. (2000), Los pequeños
secretos de las estaciones, trad. Addenda, Girona: Panini España, (a partir dos 4 anos), [10 pp.] (ISBN: 978-2-215-06523-4).
Breve descrición do formato e contido da
obra: Álbum ilustrado interactivo, encadernado con tapa dura e
grosa, de forma cadrada. A contracuberta está feita do mesmo material, así como
as páxinas interiores. Na
cuberta aparece o título do libro: unha parte preséntase coas letras
en minúsculas e de cor branco e a outra parte en maiúsculas e máis grandes, de
cor amarela. Este cambio de cor e tamaño débese a que se trata dunha colección
de varios libros chamada “Los pequeños secretos” que, como ben indica o título,
profunda nun tema en concreto. Desta maneira, resáltase esta parte do título
sinalando o tema principal que se vai tratar, neste caso as estacións. Tamén
aparece o nome das autoras e a editorial, así como o debuxo de catro nenos, cada
un deles nunha paisaxe e cunha vestimenta distinta dependendo da estación que
representen. Por último, na parte superior aparecen cinco pasaxes distintas, as
catro primeiras de cada unha das estacións e a última sobre todas elas. Na
contracuberta mostra unha descrición do contido do libro, os demais títulos
pertencentes á colección e o ISBN.
O álbum
esta formado por 10 páxinas. Cada páxina está dividida en cinco pasaxes. Nas catro primeiras aparece unha imaxe que representa
cada estación. Ao acceder a cada unha delas, na parte superior, aparece unha
breve descrición que proporciona información sobre a estación e a imaxe que
aparece nas páxinas correspondentes. O carácter das ilustracións son imaxes
fixas, con tonalidades vivas e alegres. Sobre elas aparecen catro preguntas
relacionadas coa estación correspondente, dúas na páxina impar e outras dúas na
páxina par, colocadas da mesma maneira en ambas as páxinas: a primeira na
esquina superior esquerda e a segunda na esquina inferior dereita. Estas
preguntas atópanse sobre unha solapa que ao levantala permite verificar a
resposta mediante unha ilustración e unha palabra. A última pasaxe presenta o
mesmo esquema que as anteriores, só que hai preguntas de todas as estacións
mesturadas para verificar que as distinguen adecuadamente.
Potencialidades: Como ben se indica na
contracuberta do libro, trátase dun volume didáctico e lúdico á vez. Os
nenos/as participan activamente: observan as ilustracións en todas as súas
dimensións para poder responder ás preguntas que aparecen nas solapas,
verificando as súas contestacións abrindo as ventás secretas. Deste modo,
traballarán a súa concentración e observación para intentar contestar
correctamente. As solapas descobren a resposta ás preguntas, tanto visualmente
coas ilustracións coma en palabras. Desta forma tan divertida aprenden cada
unha das estacións e novo vocabulario sobre as mesmas: as árbores que
predominan en cada unha delas, as actividades que se levan a cabo, o tempo
atmosférico, a vestimenta adecuada, os animais ou as froitas típicas. Ademais,
poden iniciarse no proceso da lecto-escritura mediante as preguntas, formuladas
de forma sinxela, e os nomes das ilustracións que se atopan nas solapas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario