xoves, 2 de abril de 2020

Los pendientes que perdí



Alonso, Sandra (2019). Los pendientes que perdí, ilust. Cintado G. Cristina: Barcelona: Carambuco, col. Egalité, [28 pp.]. (ISBN: 978-84-17766-11-5).

Breve descrición do formato e do contido:
Álbum ilustrado escrito por Sandra Alonso e ilustrado por Cristina G. Cintado de tapa branda, que conta con 28 páxinas. O seu formato é rectangular. Tanto a cuberta como a contracuberta son de plástico brando. Na cuberta aparece  título destacando con letra máis grande as palabras “pendientes” e “perdí” así como a ilustración dos dous protagonistas da historia, onde o neno aparece cunha coroa e a nena cun parche de pirata e varios xoguetes polo chan. Debaixo do título atopamos o nome da autora e da ilustradora e un pouco máis abaixo, á dereita, o nome da editorial. Na contracuberta encóntrase un debuxo dunha ventá onde por riba desta aparece escrito “Emma y Jorge son amigos y a los dos les encantan los pendentes”, destacando a palabra “amigos” en cor rosa e a palabra “pendientes” en cor azul. Por debaixo do debuxo da ventá, á dereita, está escrito “Un cuento que habla de amistad e igualdad” e máis abaixo os datos do libro co nome da autora e ilustradora, ano de edición, editorial, ISBN e contacto da editorial.
As ilustracións deste álbum son figurativas e caracterízanse pola variedade de cores. Cando se está a falar da nena e de como é predomina a cor rosa e cando fala do neno predomina a cor azul, isto vese reflectido nas habitacións de cada un. A habitación de Jorge é azul e ten xoguetes de coches e un cadro dun superheroe, en cambio, na habitación de Emma predomina o rosa e no seu cadro aparece unha princesa e os seus xoguetes son bonecas e cociñas. Cando ambos aparecen na páxina abundan todas as cores, incluso o rosa ou o azul. A tipografía empregada é unha letra clara sen nada que destaque. A historia está narrada en primeira persoa, a narradora deste conto é Emma, unha das protagonistas. Ela conta como a Jorge lle encantan os seus pendentes pero os pais deste non aceptan que ao seu fillo lles gusten. Cando coinciden no parque, Emma sempre lle presta un dos seus pendentes a Jorge para que poida ser quen queira ser. Co paso do tempo a amizade entre Emma e Jorge segue sendo como cando eran pequenos.

Potencialidades educativas:

Con esta historia podemos traballar a igualdade de xénero e a amizade incondicional entre un neno e unha nena. Reflexionar sobre os condicionamentos de xénero, os estereotipos e prexuízos sociais que cuestionan a liberdade das persoas e de nenas e nenos en particular por parte dos maiores. Tamén é unha boa lectura para analizar a importancia da amizade e da influencia das familias nas nosas vidas, das que emana a fortaleza e autoestima. É de sinalar tamén que con esta obra se poden analizar os gustos persoais e as afeccións, especialmente a través dos complementos que portan os individuos en diferentes culturas, fixándose nos seus significados e como estes foron mudando ao longo da historia.

Recursos educativos:

Videoreseña da propia autora Sandra Alonso “Los pendientes que perdí”, en https://www.youtube.com/watch?v=5yziqhIp62s publicado o 23 de outubro do 2019 (consultado o 27/03/2020).

Ningún comentario:

Publicar un comentario