xoves, 2 de abril de 2020

¡Vivan las uñas de colores!



Referencia bibliográfica:

Acosta, Alicia & Luis Amavisca (2018). Vivan las uñas de colores, ilust. Gusti: Madrid:Nubeocho, col. Egalité, [36 pp.]. (ISBN: 978-84-17123-58-1).

Breve descrición do formato e do contido:
Álbum ilustrado con texto de Alicia Acosta e Luis Amavisca, ilustrado por Gusti. De tapa dura, conta con 36 páxinas. O seu formato é cadrado. Tanto a cuberta como contracuberta son de cartoné. Na cuberta aparece o título entre exclamacións onde destaca a palabra “colores” pola diversidade cromática das súas letras. Ten tamén ilustrado o protagonista da historia, que se chama Juan, e embaixo á dereita o nome dos autores e do ilustrador. Na contracuberta aparecen as mans de Juan mentres se pinta as uñas con distintas cores e un pequeno resumo da obra, así como o nome da editorial, o ISBN e o código de barras.
As ilustracións desta obra caracterízanse por ser figurativas e de cores, onde as que máis predominan é o vermello e o laranxa. O texto pódese atopar en distintas partes das páxinas. Na tipografía empregada chama a atención que hai frases ou palabras que destacan por riba das outras porque están escritas en letra negra. Son frases positivas nas que se destacan aspectos como por exemplo “con una gran sonrisa” ou “porque le gusta”. Tamén as intervencións das personaxes dos nenos que se rin no colexio de Juan están escritas con letras máis grandes. A obra está destinada a nenos e nenas de 4 anos en diante.
A historia está narrada por unha voz en terceira persoa que explica o gusto de Juan por pintarse as uñas. Pero un día na escola os compañeiros e compañeiras rinse del por este motivo, o que provoca que Juan vaia triste á escola e coas uñas sen pintar ata que o día do seu aniversario os/as compañeiros/as de aula lle dan unha sorpresa e aparecen todas e todos coas uñas de colores.

Potencialidades educativas:
Con esta obra podemos reflexionar sobre os prexuízos marcados por uns patróns de xénero de carácter patriarcal que se seguen impondo na infancia. A lectura de obras coma esta permite analizar as perspectivas de nenas e nenos sobre a súa propia percepción dos roles de xénero. Esta reflexión permitirá tomar conciencia sobre a necesidade de que cada persoa poida expresarse libremente sen que ninguén a xulgue por iso con esta lectura tamén se pon de manifesto a necesidade de compartir os problemas entre nenas/os e adultos, pois Juan acode a seus pais  cando sofre as burlas; e o importante que é a colaboración e apoio dos iguais, actitude exemplar das súas compañeiras e compañeiros de clase.

Recursos educativos:
Vídeo coa lectura dunha nai e filla do conto “Vivan las uñas de colores”, en: https://youtu.be/5_T2VBjcGqk Publicado o 7 de decembro de 2018 (consultado o 7 de marzo).

Ningún comentario:

Publicar un comentario