venres, 3 de abril de 2020

El viento y la contaminación




DE LA JARA, Fátima, LUENGO, Rosa e DOMÍNGUEZ Gerardo (2004). El viento y la contaminación. Zaragoza: Editorial Luis Vives, col. Requetesol (ISBN: 84-263-4056-3)

Libro ilustrado escrito por Fátima de la Jara e Rosa Luengo e que conta con ilustracións de Gerardo Domínguez. Composto en cartoné, presenta na cuberta o título e o nome das autoras e o ilustrador, así como unha ilustración na que aparecen os protagonistas con cores escuras e apagadas, revelando o final do conto: o sol, o vento e a lúa traballando xuntos para espantar as nubes provocadas pola contaminación. Na contracuberta, de cor branca, aparecen os títulos que acompañan a esta obra na colección “Requetesol”. Na parte inferior aparece un debuxo da historia: o mundo cuberto de fume e nubes. 
No interior da obra aparecen unhas gardas de cor laranxa, cun pequeno debuxo dos protagonistas na seguinte orde: sol, vento e lúa. A garda inicial e final son idénticas, excepto que na inicial os debuxos aparecen no lado dereito e na final no esquerdo. Despois da páxina de dereitos, a portada  é de cor branca e, ao contrario que a cuberta, dálle maior importancia ao título, ao nome das autoras, do ilustrador e da editorial. Na parte superior aparece en pequeno a mesma imaxe que na cuberta.
O libro componse de 28 páxinas de 22x22. Respecto ás ilustracións e o texto, podemos observar que a veces se sitúan en páxinas diferentes e noutras mestúranse, dándolle así máis importancia ao texto ou ás ilustracións. Tanto o tipo de letra empregada como as ilustracións son grandes e sinxelas. Do texto debemos destacar que substitúe palabras claves como “sol”, “tierra”, “viento”... por debuxos. Nas ilustracións, principalmente, aparecen só os personaxes, menos en dúas: Nunha aparece o planeta contaminado e noutra unha flor crecendo. Por último, debemos destacar que as ilustracións se mostran como se fosen debuxos e con pouca realidade. Pecha o volume un glosario no que aparecen os debuxos empregados no texto coa palabra á que fan referencia ao seu carón.

Dende o punto de vista do contido, a obra presenta un planeta que está cuberto de fumo e nubes pola contaminación que provocan as fábricas e os coches. Por este motivo, os raios do sol e da lúa non chegan á terra e non pode dar comezo a primavera. Pídenlle axuda ao vento, que colaborando co sol, sopra forte e fan que desaparezan as nubes. Finalmente comeza a primavera e crece unha flor. O narrador en terceira persoa mestúrase coas voces dos personaxes que dialogan e que son: o sol, a lúa e o vento. O sol móstrase como un personaxe orgulloso que desconfía do vento, pero finalmente, colabora con el. A lúa, pola contra, descríbese como un personaxe delicado con raios suaves. Por último, o vento amósase como un personaxe agradable e cooperativo, aínda que a imaxe negativa del a ofrece o sol por consideralo maleducado e malvado, capaz de destruír a natureza e as casas. 

Potencialidades educativas: 
Dende a dimensión lúdica propiciase o xogo e a atención ás palabras importantes para entender a historia mediante a substitución das letras por debuxos. Poténciase a atención visual mediante o uso de pictogramas. É un recurso para traballar a temática da natureza, o medio natural e a súa dependencia do noso coidado. Facilita a asociación de debuxos con palabras. É un recurso óptimo para coñecer a importancia da meteoroloxía e algúns fenómenos meteorolóxicos. É un libro moi visual debido ao uso de pictogramas e ilustracións, o que facilita así a comprensión da historia. Ofrece datos de interese que permiten traballar co tempo cronolóxico, atmosférico, co coñecemento do contorno, do universo e do sentido da especie humana nel.

Ningún comentario:

Publicar un comentario