venres, 3 de abril de 2020

Guapa



Canizales (2018). Guapa. Aragón: Apila Ediciones, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-943476-6-5).

Descrición do formato e contido da obra: Álbum ilustrado de tapa dura do autor colombiano Harold Jiménez Canizales. A cuberta amosa a unha bruxa mirándose a un espello, no cal podemos ver reflectida a esta cun aspecto un pouco diferente. Na contracuberta obsérvase unha fonte de prata sobre un fondo cor viño. En canto ás gardas, ámbalas dúas son de cor viño e nelas podemos ver diferentes sombras de diversos obxectos, entre elas a da bruxa e a dun can. Na portada, ao lado esquerdo encóntrase a información sobre o libro e na parte dereita á bruxa con aspecto triste. 
Este álbum cóntanos a historia dunha bruxa que ten unha cita cun ogro e prepárase moi contenta para ela. Cando sae na procura da súa cita ela séntese moi guapa, pero non todo o mundo pensa o mesmo e déixase levar polos comentarios que vai escoitando, ata tal punto que chega a non se recoñecer a si mesma debido aos cambios que vai experimentando. O ogro cando a ve non a recoñece e dille que esa non é a persoa da cal el namorara.



O álbum presenta imaxes a toda páxina, acompañadas todas elas de texto, na súa maior parte dialogado. As ilustracións son planas e sinxelas, pero son capaces de contar a historia por elas mesmas. A gama cromática empregada na obra é bastante escura, predominando as tonalidades marróns, verdes e azuis. Os espazos son variados, intercalándose os ambientes interiores e exteriores conforme vai avanzando a historia.

Potencialidades educativas: Este conto permitiranos traballar a coeducación cos nenos e nenas a través do autoconcepto, a autoestima e os canons de beleza establecidos pola sociedade. A través da lectura deste conto ensinaremos a nenos e nenas que cada un é como é e non debemos cuestionar o aspecto físico de ninguén, xa que podemos facer moito dano sen decatarnos. Ademais, a aceptación de un mesmo axudará a potenciar unha boa autoestima e construír entre os pequenos un autoconcepto positivo dende idades moi temperás, o que os axudará a fortalecer a súa personalidade.
Outras cuestións que se poden abordar son estereotipos, ao que a lectura de contos e o visionado de películas contribúe a que se distingan dunha forma clara os diferentes roles de xénero. Tamén sería interesante empregar a dramatización como recurso para escenificar actos nos cales nenos e nenas poidan traballar o seu autoconcepto e como evitar condutas non apropiadas. 

Recursos educativos:
Versión lida da obra en: https://www.youtube.com/watch?v=XYU4ewr5odo (consultada o 30 de marzo de 2020).
Vídeo para traballar a autoestima na aula: https://www.youtube.com/watch?v=JzI6ttYersA&t=12s (consultado o 30 de marzo de 2020).


Ningún comentario:

Publicar un comentario