Miralles, Francesc (2006). Lila tiene un hermanito, ilust. Purificación Hernández, Barcelona: Beascoa. [32 pp.]. (ISBN:84-488-2186-6).
Descrición do formato do libro: o libro Lila tiene un hermanito é un álbum ilustrado de Francesc Miralles (Barcelona, 1968). Este é de tamaño rectangular e mediano, cunhas dimensións de 211 x 265 mm. O material do que está feito é cartoné, un material duro para que o libro sexa máis resistente ao uso. Na cuberta aparece a protagonista da historia, o seu novo irmán e o seu cadeliño. As imaxes presentan cores vivas e rechamantes que atraen a atención cara aos personaxes. Na contracuberta aparece un breve resumo do conto e un debuxo que adquire pleno sentido despois de ler a obra, posto que é o boneco de apego de Lila, a protagonista. As gardas son planas e sen motivos, aínda que de cor lila, en clara referencia ao nome da protagonista. Ademais podemos observar como na primeira garda aparece un recadro cunha breve explicación dun especialista en medicina do sono que axudou a Lila e os seus pais cos seus problemas. Por último, aparecen enriba dese recadro Lila, o seu novo irmán e o seu boneco de apego.
Descrición do contido do libro: neste conto relátase a historia dunha adopción. Esta cóntase a través da visión da nena. Todo comeza cando o pai e a nai da nena un día lle conceden todo o que ela quere, como o seu almorzo favorito, os seus debuxos favoritos e danlle un agasallo sen ser ningunha data en especial. A nena comeza a desconfiar e pregunta que pasa, ante o que seus pais lle explican que teñen que coller un avión para ir a buscar o seu irmán. Ela non pode ir e rexeita a idea de ter un irmán. Despois cando volven todo cambia e a nena ten celos do bebé, xa que non lle prestan tanta atención. Pero despois de que lle expliquen a historia de René a nena xa comeza a estar máis contenta e finalmente comprende a importancia de ter un irmán co que compartir todo e para o que se converte nun referente, como demostra o feito de que a primeira palabra do neno sexa o nome de Lila.
No final do libro aparece un caderno pedagóxico no que se fala sobre as implicacións que ten a adopción dun neno. Tómase como referencia a dous especialistas, o doutor Eduard Estivill e Montse Domènech, que responden a preguntas como se hai un tipo de pais para adoptar a nenos e nenas, se estes están preparados para levar a cabo a adopción, a preocupación que teñen os pais sobre o futuro dese neno ou nena etc. Tamén se fala sobre os celos que sofre a nena e se estes son normais, analizando cuestións como a actitude agresiva que mostra Lila cando o neno usa as súas cousas ou cando ninguén lle fai caso.
Potencialidades da obra en educación infantil: a través desta obra podemos traballar cos nenos e nenas aspectos como poden ser a diversidade familiar, a adopción e os celos. O primeiro tema deberíase tratar cos nenos e nenas xa dende idades temperás dada a gran diversidade de tipos de familias. A través deste conto podemos explicar aos nenos/as o proceso de adopción e que comprendan que dá igual onde nazas ou se a túa irmá/n ou ti mesmo non es fillo biolóxico dos teus pais, posto que o importante é o nivel afectivo e sentirse parte dun núcleo familiar, onde nos queren, se preocupan e coidan de nós. Ademais esta historia dá pé a traballar os celos que poden ter os nenos e nenas ao ter un irmán ou unha irmá. Este proceso é moi habitual xa que os nenos/as pasan de ser os fillos/as únicos/as da casa a ter que compartir con outro neno/a todo o cariño e a atención dos seus pais. Esta situación é afrontada de modo diferente por cada neno/a, xa que poden sufrir celos de forma puntual, mentres que outros/as poden chegar a rexeitar ao seu irmán ou irmá ao sentir perigar o afecto ou cariño que o seu pai e nai teñen cara a el/a.
Ningún comentario:
Publicar un comentario