Aliaga, R. e Shiba, M. (2009): Croco. Pontevedra: Editora Oqo, [36 pp.]. (ISBN: 978-84-9871-070-0).
Breve
descrición do formato e do contido: álbum ilustrado de cartoné, cunhas medidas de 25x23cm. Na cuberta aparece o
título da obra, en maiúsculas de cor negro e coas letras “O” formando dous flotadores
brancos e vermellos. Tamén aparece Croco, o protagonista da obra, saudando a un
paxaro que está na póla dunha árbore verde. Croco vai vestido co seu traxe de
baño de raias brancas e vermellas e co seu flotador azul con lunares de cores.
O paxaro tamén leva un flotador, pero este é de raias brancas e vermellas. Na
contracuberta aparece o outro lado da árbore, e noutra póla, aparece outro
paxaro no niño, alleo a situación que se está dando entre Croco e o paxaro. En
canto ás gardas, tanto as dianteiras como as traseiras son azuis, representando
a auga, e dentro dela hai peixes. Na portada aparece a nai de Croco sentada
nunha cadeira, cosendo e falando cun gato que está na póla dunha árbore. Leva
posto un vestido de cor vermella e un estampado de flores, e un pano na cabeza.
No interior, as ilustracións son de dobre páxina en cores de ton suave, onde
predominan o verde, o azul e o gris.
Este conto é unha obra narrada onde aparece o diálogo en
numerosas ocasións e conta o día de Croco, un crocodilo pequeno que ten fame,
pero a súa nai non o pode atender porque ten que coidar do seu ovo que está a
punto de romper, polo que manda a Croco a cazar a súa propia comida. El, sen
saber como conseguir alimento, proba diferentes animais, pero ningún é o que el
anda buscando. Tras intentar comer o que os diferentes animais comen, volta triste
a xunto a súa nai porque segue con fame. Ela bota a rir e explícalle a Croco
que o que eles comen son peixes, non outros animais. E xuntos miran como nace o
novo bebé e van xuntos ao río a comer peixes.
Potencialidades
educativas: coa lectura deste
álbum ilustrado podemos traballar na aula o tema da identidade e
interculturalidade. Por unha parte, a identidade, posto que na etapa de
Educación Infantil, as nenas e os nenos tenden a imitarse os uns aos outros, e
a través desta obra poderemos ensinarlles a que cada un ten a súa propia
identidade, gustos, formas de ser, etc. E por outro lado, a interculturalidade porque
xa nesta etapa comezan a darse conta de que non todas as persoas son iguais. Tal
e como lle ocorre a Croco, é preciso descubrir os usos e costumes de cada
especie, con especial atención á alimentación e á capacidade de adaptación ao
medio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario