venres, 31 de marzo de 2017

Tres con Tango

Richardson, Justin y Parnell, Peter (2006), Tres con Tango, ilust. Henry Cole, trad. Francesc Strino,  Barcelona: RBA, (+3 anos) [28pp.] (ISBN: 84-7871-580-0).  
Breve descrición do formato e contido da obra: Conto infantil que podemos clasificar como álbum ilustrado, xa que existe correlación entre o contido textual e as imaxes.
Presenta un formato rectangular, de pouco volume. As tapas son duras e de cantos rectos.  Na cuberta aparecen os protagonistas da historia, que neste caso son animais,  dous pingϋins e maila súa cría. A imaxe mostra a versión en galego, Con Tango son tres, máis a proposta coa que traballo está en castelán, unha primeira edición da que dispoño en branco e negro. O título está situado na esquina superior dereita, formando parte do ceo. Xoga cos tamaños das palabras, destacando o nome Tango sobre as demais. O nome dos autores e do ilustrador aparece na esquina inferior dereita, formando parte do hábitat dos pingüíns.
Os garda páxinas destacan pola cor branca. Aínda que no é o normal o garda páxinas vén presentado coma unha portada. Aparece un fondo branco coa imaxe, neste caso, só  a dos pingüíns sen a cría. No centro en liña vertical , en primeiro lugar o título, Tres con Tango, facendo o mesmo xogo co tamaño das letras como observamos na cuberta. Debaixo do título, aparece o nome dos autores e do ilustrador. A continuación a imaxe dos pingüíns cariñosos.  Debaixo da imaxe en pequeno aparece o nome da editorial RBA.
Os garda páxinas que se atopan ao final do libro presentan unha nota do autor, onde explica que a historia foi unha realidade, ocorreu de verdade.
A continuación, o contido que posúe fai referencia  o  nome dos autores, editorial, ISBN, así como os referentes agradecementos.  Estas dúas páxinas que vemos a continuación, presentan unha zona situada no Parque de Nova York.
Despois destas páxinas comeza a historia, da vivencia dos distintos animais que forman parte dun Zoo, centrándose nunha parella de pingϋins.  As ilustracións presentan cores vivas nas primeiras páxinas, nas que explica a ambientación e o lugar onde acontece esta historia. Nas páxinas onde vemos o lugar onde viven os pingϋins, predominan as cores grises, azuladas e brancas.  Algúns imaxes presentan unha forma ovalada, que esvaece no seu contorno e recorda a imaxe dun ovo. As ilustracións son fieis a realidade.
No que respecta ao texto existe predominio da imaxe sobre este. Presenta onomatopeas, como a que avisa a rotura do ovo.  
Tres con Tango trata a historia dunha parella de pingϋins, chamados Roi e Silo que viven no Zoo de Nova York. O seu coidador cedeulles un ovo doutra parella para que o coidasen, cando este viu que incubaban unha pedra. Así comeza a súa aventura de coidar un ovo e ser pais. Do ovo nacerá Tango e os seus pais felices ensinaranlle todo o que hai que saber para a vida.
Esta obra foi moi criticada polos movementos conservadores en EE.UU., pola sexualidade dos  pingϋins. Tamén foi declarado pouco apropiado noutros lugares como Singapur.
 Potencialidades: Da a coñecer un novo animal, o pingϋin, así como o  lugar e as características onde viven. Os protagonistas deste conto aparecen un tanto humanizados. É dicir, os sentimentos que profesan Silo e Roi por formar unha familia, como fan os demais pingϋins. Cando Tango naceu, os coidados que recibiu, as mostras de cariño que lle profesaban, crea empatía. O coidador soubo aproveitar esa necesidade que tiñan os pingϋin por ter unha familia, e fixo realidade ese soño dándolles un ovo que poder criar.
 Ao ler a historia aos nenos podemos preguntarlles como coidan eles á súa familia, que lles ensinan e ao revés. Aprender a importancia da familia, dos distintos tipos de familia, a diversidade.
Aprenden novo vocabulario con palabras como incubación, e que hai zonas pechadas con distintos lugares onde viven animais de diversos países. Tamén se pode aproveitar esta lectura, para facer unha escapada ao Zoo.
Outro tema a tratar é o respecto aos animais e o lugar onde viven.
  







1 comentario:

  1. Interesante libro. Eu empregueino e lino cando fixen o ciclo de Educación Infantil e foi un conto co que fixemos representacións, empregamos un kamishibai e demais cousas con el . O principio non coñecíamos este conto, coido que é porque o quitaran do mercado e apenas quedaban mostras del, de feito nós para leelo empregamos formato en pdf que baixamos de internet. Aparte das diversas potencialidades que nomeou miña compañeira, eu sí destacaría que é un libro no que se pode tratar o tema da homesexualidade, tema moi presente na actualidade. Ensinarlle os nenos que pode haber diferentes tipos de familia, non sólo un papá e unha mamá , que pode haber dous papás ous duas mamás. Cando a profesora do ciclo nos comentará o porque retirarán do mercado este conto, pareceume increíble e mal, porque penso que dende pequenos é cando temos que tratar de ensinar os nenos e inculcarlle unha serie de valores como é o respecto, tolerancia, diversidade de culturas, etc!! Por último é un conto que eu recomendaría que todo o mundo o lise porque merece a pena !!

    ResponderEliminar