venres, 31 de marzo de 2017

AZUL E ROSA

Pillado, Ana (2009), Azul e Rosa. Vigo: A Nosa Terra, col. Lila Lilaina, (+ 3 anos). [24 pp.] (ISBN: 978-84-8341-064-6).


Breve descrición do formato e contido da obra: Álbum ilustrado de pouco volume, tapa dura e grosa, de formato cadrado. A cuberta presenta dúas cores: a metade superior rosa e a metade inferior azul, cunha ilustración que continúa na contracuberta. Trátase dunha nena que agarra tres globos de cores distintas (amarelo, verde e vermello). Destaca a súa vestimenta de diversas cores e estampados, e o seu pelo violeta. O título, situado na metade superior rosa e a dereita da ilustración, mostra tres cores: a palabra ‘Azul’ de cor azul, a conxunción ‘e’ de cor branco e a palabra ‘Rosa’ de cor rosa. Debaixo do título aparece o nome da autora e na esquina inferior dereita o nome da editorial. Finalmente, na parte inferior esquerda está o nome da colección á que pertence a obra. Trátase da colección Lila Lilaina disposta a romper os tópicos arredor dos nenos e nenas. O seus tres títulos: Roi quere ser mamá, Carlota e o príncipe azul e Azul e Rosa cuestionan certos símbolos, hábitos e costumes sobre a separación entre sexos e o que se espera dos nenos e das nenas.

No interior do libro o texto está tanto nas páxinas pares como nas impares. O carácter das ilustracións son imaxes fixas con cores de distintas tonalidades, unhas máis escuras e outras máis claras. Tamén destacan a diversidade de estampados que aparecen nas roupas dos personaxes e a súa autenticidade.

O contido trata sobre unha nena chamada Lila e o seu irmán Pilo. Reciben a visita da seu avó e a súa avoa que lles traen un agasallo para cada un. Lila recibe unha bufanda e un gorro de cor rosa e Pilo recibe o mesmo, pero de cor azul. Tanto a nena como o neno se mostran agradecidos cos seus avós, pero Lila pregunta porque todas as cousas que lle regalan son rosas, pois a ela gústanlle todas as cores. O avó dille que o rosa é unha cor moi favorecedora para as nenas, pero Pilo di que a el tamén lle gusta. Tanto el como a súa irmá explican aos seus avós de que a todo o mundo lle quedan ben todas as cores. Isto fainos reflexionar e o seu avó recoñece que sempre lle gustou ter un xersei rosa e a avoa un chapeu azul. Finalmente, os nenos trócanse os agasallos e axudan aos seus avós a pintar a súa casa de cores.

Ao final do libro, atopamos unhas follas para fotocopia. Na páxina par aparecen Lila e Pilo espidos e na páxina impar debuxos de pezas de roupa azul, rosa e branca para poder e pintar e vestir a Lila e Pilo como máis nos guste.

Potencialidades: Este libro e toda a colección de Lila Lilaina, como xa comentei anteriormente, serven para cuestionar certos símbolos, hábitos e costumes sobre a separación entre sexos e o que se espera dos nenos e das nenas. Tanto certa literatura infantil como xoguetes que existen no mercado seguen a perpetuar certos preconceptos sobre o propio de rapaces e o propio de rapazas.

                        

Esta narración serve para erradicar os estereotipos sexistas e potenciar a liberdade e a igualdade, suprimindo a clasificación que establece a sociedade en función do xénero. Neste caso podemos observar como os dous irmás están libres de pensamentos sobre o propio dos nenos e das nenas e axudan a razoar aos seus avós, mostrándolles as súas reflexións e liberándoos duns pensamentos marcados pola sociedade, xa que ningún dos dous opta por esas cores por gusto, se non polo que se lles impón. Isto demóstranos que  dende a educación dos máis pequenos podemos cambiar mentalidades e chegar a construír un mundo mellor e libre, rematando con estereotipos de toda clase. Con este libro podemos estimular nos nenos un razoamento crítico sobre os aspectos que se tratan no conto, como as cores propias de nenos e nenas. Podemos propoñerlles preguntas para saber que pensan sobre isto, que farían eles ante estas situacións e como as trocarían.

Tamén, a partir do conto, podemos facer algunhas actividade sobre as cores, iniciándoos na súa aprendizaxe.

Por último, cabe destacar que este libro atopeino nun estante da biblioteca o Día Internacional da Muller, acompañado doutros tantos dedicados a este día en concreto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario