luns, 6 de marzo de 2017

LAS ESTACIONES

Mari, Iela (2007), Las estaciones, ilust. do autor, Sevilla: Kalandraka, col. Libros para soñar, (+3 anos) [34 pp.] (ISBN: 978-84-96388-57-4).


Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de formato cadrado (22x22 cm) e de pouco volume. A cuberta amosa unha gran árbore entre céspede sobre un fondo branco que continúa na contracuberta. Ao lado do tronco da árbore aparece o nome da autora, que tamén é a ilustradora da obra. Xusto sobre o céspede podemos observar o nome da obra e debaixo o da editorial. Ademais, na contracuberta, exactamente á esquerda de todo, está o nome da colección.
O interior, pese a súa aparente sinxeleza ao carecer de texto, presenta un concepto diferente e instructivo. Isto débese a que as ilustración, a toda páxina, básanse na idea dun círculo sen fin das estacións do ano que se representan a través do cambio que se produce nunha árbore e no contorno que o rodea. Son ilustracións moi estéticas e realistas con cores representativas das diferentes estacións.
Ao abrir o libro o proceso iníciase no inverno, coa ilustración dunha árbore sen follas onde ao seu redor todo está cuberto pola neve e só atopamos un pequeno animaliño hibernando baixo a terra. A continuación, pasamos ao cambio que se produce na primavera, estación na que comezan a brotar cores máis vivas e a aparecer máis animais. Ao chegar o verán as cores e os animais emerxen de todo e chegan ao seu máximo esplendor. Logo pásase ao outono, onde todo se tingue de cores alaranxadas e marróns e os animais marchan de novo. Finalmente, volvemos ao inverno coas típicas cores brancas, a representación da árbore sen follas e o animaliño hibernando. En definitiva, o que podemos observar son todos os cambios que se producen no ciclo vital da flora e a fauna ao longo das catro estacións.




Potencialidades: atopámonos ante unha obra cargada de potencialidades, entre outras cousas porque permite ás nenas e nenos interpretar perfectamente o que supón cada cambio que se produce nas estacións sen necesidade de que haxa presencia de textos. Ademais, son os propios meniños e meniñas quenes poderán narrar a súa propia historia a través da observación de todos os detalles que están representados nas ilustracións . De feito, cada vez que abran o libro poderán captar novos detalles nos que probablemente antes non se fixaran, o que favorece a comprensión progresiva do proceso que vai transcurrindo no referinte á flora e a fauna. Isto é así porque non son ilustracións pechadas nas que todo está dito, son ilustracións que deixan que sexan os propios nenos e nenas os que razoen sobre o que está a acontecer.

A maiores diso, é unha obra que permite deixar voar a imaxinación e ao mesmo tempo coñecer aspectos da realidade que nos rodea; require e potencia a concentración, atención e observación en todo momento da lectura; fomenta a autonomía dos nenos e nenas ao non requerir necesariamente a axuda do adulto para lela ou interpretala; fomenta o desenvolvemento de habilidades lingüísticas, narrativas e orais; favorece unha lectura compartida baseada na comunicación… Concluíndo, este é un álbum ilustrado cunha capacidade de xerar inquedanza e sorpresa constante, pois cada páxina é un mundo de aprendizaxe e diversión sen fin.

Ningún comentario:

Publicar un comentario