martes, 4 de abril de 2017

MI PRIMER RELOJ


Libsa, (1998), MI PRIMER RELOJ, Ilust. F.Noriega, Madrid: Libsa [28pp.], (ISBN: 84-7630-739-X).



Descrición do formato e do contido da obra: álbum ilustrado interactivo de tamaño mediano e de formato rectangular (20 x 22), con cubertas e páxinas de cartón duro e de cantos redondeados. As páxinas están unidas por medio de argolas. Na cuberta aparece o título en letras grandes negras, un montón de reloxos e mais un dos personaxes da obra. No centro hai un reloxo que está incrustado no propio libro. Pola súa banda, na contracuberta aparecen máis personaxes, cada un cun reloxo diferente,  un breve resumo da finalidade do libro do que estamos a falar e outros títulos da mesma colección. 

As ilustracións son a toda páxina. Trátase de imaxes moi coloridas e divertidas para chamar a atención dos nenos e nenas. O texto aparece en forma de  pequenas frases en todas as páxinas do libro. Non está localizado sempre no mesmo sitio, unhas veces atópase na marxe superior da páxina, outras na inferior, e outras no medio da páxina, ou nos tres sitios á vez. 

A finalidade deste libro é que os nenos aprendan as horas dunha maneira sinxela e divertida. Para isto, contaremos coa axuda do reloxo que está incrustado no volume, o cal ten agullas móbiles e números vistosos para que os nenos poidan ir marcando nel as horas. Tamén contaremos a axuda de Rudi e os seus amigos. Rudi, o noso protagonista, é un canciño ao que acompañaremos durante a súa xornada, nun día de colexio coma outro calquera. No libro comézase explicando as funcións das agullas do reloxo, despois explícanse as horas en punto, logo as horas e media e despois as horas e cuarto. Por último faise o percorrido polo día a día de Rudi, durante o cal se lles van plantexando aos lectores diversas preguntas, como por exemplo: que hora marca o reloxo que leva Rudi? Estas preguntas son moi útiles para reforzar o aprendido.



Potencialidades: O tempo é un concepto abstracto, difícil de comprender para os mais cativos. Aos nenos e nenas resultaralles máis fácil e divertido familiarizarse co funcionamento do reloxo con este libro, xa que poden interactuar con el, ademais de aprender novos conceptos ou repasar, ao mesmo tempo, conceptos xa adquiridos como as formas, os números, os animais etc. polo que se trata dun material de gran utilidade para traballar cos máis pequenos, tanto na aula como na casa. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario