sábado, 15 de abril de 2017

Os tres amigos

Mercé, Viana (2004), Os tres amigos, ilust. Xan López Dominguez, trad. Ignacio Chao, Pontevedra: Xerais, col. Paseniño, [22 pp]. (ISBN: 84-9782-153-X).


Breve descrición do formato e contido da obra: Libro ilustrado poético no cal os protagonistas son unha fada e unha anguía que saen xuntas a xogar ao mar, ata que un día atopan a un golfiño que os leva de excursión e amósalles cousas fermosas que esconde e pasan unha bonita experiencia.
En primeiro lugar, destacar esta forma de poesía, estrofa con dous versos pareados con rima consonante, sempre se encontra nas páxinas pares, e preséntanse dobremente, en letra manuscrita e en maiúscula. No medio destas, encóntrase o debuxo dunha anguía que cobra animación se pasamos as páxinas de corrido. Nas páxinas impares están as ilustracións a toda cor que relatan o texto de forma gráfica.

Potencialidades: É unha historia breve e entretida en forma de poesía, que introduce ao alumnado neste xénero revalorizando a súa calidade e presenza na literatura infantil. Ensina valores de amizade e valentía para vivir experiencias novas. Introduce aos máis pequenos no mundo mariño, transportando e deixando voar a súa imaxinación. A técnica estilística que utiliza co debuxo das páxinas pares co que se as pasas de corrido, recobra movemento, resulta divertido para eles, estimulando así o seu funcionamento cognitivo. As ilustracións moi gráficas, son un complemento que permiten comprender a historia e captar as ideas principais do texto.
Desde o meu punto de vista o que máis me gusta é o final aberto, xa que estimula a imaxinación e creatividade do lector, aspecto que considero importante para os máis pequenos e pequenas. Debe estar presente nas aulas, o alumnado debe poder ter autonomía para decidir e expresar as súas opinións. Por iso, penso que é un bo conto para que pensen no final que cada un lle queira dar segundo o seu criterio. Pode ser un punto de partida, para unha asemblea sobre o final no que cada persoa aporte as súas ideas.
Por outro lado a temática do mar. No conto faise unha viaxe dicindo algunhas cousas coas que nos podemos atopar no fondo mariño. Resultaría interesante traballar vocabulario neste campo, por exemplo os nomes dos peixes, as partes do barco…
O formato facilita o recoñecemento de diferentes tipos de modalidades para o inicio da lectura, dando tamén ao lector, autonomía para elixir que ademais mostra a dimensión lúdica asociada ao proceso da lectura (texto en relación as imaxes), entendido este como un xogo produtivo e dinámico.

Ningún comentario:

Publicar un comentario