Boyd,
Lizi (2014), Linterna mágica, ilust. Sara Gilligham, Barcelona: Libros del Zorro
Rojo, (3-6 anos), [34 pp.] (ISBN: 978-84-944160-5-7).
Breve
descrición do formato e contido da obra: álbum
ilustrado interactivo e sen palabras de tamaño cadrado (23,5x23,5 cm),
cunha pouca voluminosidade e encadernado en cartoné.
Na cuberta podemos observar unha
ilustración onde predomina o contraste entre a cor branca e a cor negra,
representando deste xeito o contraste entre luz e escuridade a través da figura
dun neno que está a escuras aloumiñando todo o que está por diante del cunha
lanterna. Neste caso o que aloumiña o neno é o título da obra, que aparece en
grandes letras de cor vermella, e o nome da autora da obra. Na contracuberta
podemos observar unha imaxe moi similar cun fondo negro e, sobre el, unha
mariposa de cores, ademais dunha breve descrición do contido da obra. Tanto a
cuberta como a contracuberta danos unha serie de pistas do que pode acontecer
ao abrila.
O interior presenta fermosas e
sinxelas ilustracións a toda páxina coas mesmas características que presentan a
cuberta e contracuberta: debuxos feitos con trazos prateados sobre fondos
negros onde resalta o contraste entre claro e escuro. Só nalgúns recunchos onde
a figura do neno alumea coa lanterna aparecen certos trazos de cor que resaltan
nada máis velos, mostrándonos toda a riqueza poética da natureza e as
maravillosidades que alberga a noite. Ademais, ao longo da obra podemos atopar certas
peculiaridades: non hai presenza de textos, pois o que prima é a interpretación
visual; e en cada páxina hai un pequeno recorte que, ao pasala, permítenos
descubrir e reparar en pequenos detalles das páxinas anteriores que
probablemente non tiveramos en conta.
O contido trata dun neno que sae da
comodidade que lle proporciona a súa tenda de campaña e se adentra na
escuridade da noite para descubrir, coa axuda da súa lanterna, toda a maxia que
pode esconder a natureza que o rodea.
Potencialidades:
atopámonos ante un álbum gañador do premio
BolognaRagazzi á mellor obra de ficción no ano 2015 da Feria Internacional do
Libro de Bolonia.
Trátase dunha “exploración poética
de la noche y la naturaleza; una historia sobre la curiosidad de un niño y la
superación de sus temores”, tal e como aparece na contracuberta desta obra.
Comentado isto, non é de estrañar a
carga de potencialidades que garda esta obra, pois xa dende a cuberta o
protagonista invítanos a descubrir, da man da súa curiosidade, a maxia que
esconde a noite a través dunha lanterna
que aloumiña e permite descubrir a cor entre a escuridade. É unha obra que
fomenta o imaxinario, pois ao carecer de texto, os nenos e nenas terán que centrar toda a súa atención nas ilustracións, que os van mergullando na historia a través das
interpretacións que fan delas. Da mesma forma, ten a capacidade de espertar
a curiosidade continuamente polo que vai pasar na páxina seguinte: ¿Qué
descubrirá agora o protagonista? Neste sentido, favorécese o desenvolvemento da
memoria visual, pois ao longo do transcurso da obra o neno vai descubrindo
diferentes animais que reaparecen de novo ao final, ademais de que tamén
fomenta o reparo nos detalles, pois se os cativos e cativas se fixan ben a medida que pasan as
follas, a lúa vai ascendendo cada vez máis no ceo. Desta forma, a curiosidade é
algo que debemos aproveitar dos meniños e meniñas fomentándoa ao máximo, pois é
o que lles permitirá iniciar novas aprendizaxes con interese e motivación.
Outro feito a destacar é a
“superación dos temores”, pois que o neno sexa capaz de adentrarse no bosque en
plena noite amosa unha gran valorosidade. Isto ensínalles aos nenos e nenas que
sempre poderán ter a capacidade de enfrontarse a situacións complicadas e que
supoñan un reto para eles, e que aínda que ao principio coste seguir adiante,
se teñen iniciativa poderán con todo o que se lles plantexe, superándose cada
día un pouco máis. Neste sentido este aspecto supón un bo aliciente para aumentar
a súa autoestima e expectativas de autoeficacia.
Finalmente, cabe destacar a
interactividade que potencia a obra, pois involucra aos lectores e lectoras
dende o comezo mediante o descubrimento de diferentes elementos con sentido
propio, que gardan relación co conxunto da obra.
En definitiva, este é un libro co
que pasar momentos máxicos en familia, e nunca mellor dito, pois a verdadeira
maxia está máis cerca do que todos nós pensamos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario