A primeira edición de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas foi publicada pola editorial Galaxia en Nadal de 1973, con ilustracións realizadas por Luís Seoane.
Breve descrición do contido da obra: Escrita nun único acto e localizada no ambiente rural galego, a historia comeza co nacemento de cinco laranxas xigantes e moi estrañas no limoeiro da horta da casa de Elías e Anxa. Unha delas estoura cando o amo da casa a toca. Co estrondo do estoupido acoden os veciños, e a partir de entón comezan a ocorrer anécdotas insólitas, ilóxicas, mesmo disparatadas, absurdas, pero divertidas, protagonizadas polo donos da horta, o Veciño da Escopeta, o Gordo ou Toneladitas, a Veciña Sabida, a Desdentada, o Ovo ou a galiña Petra. Integra o conto de Casares "A galiña azul", así como textos doutras obras súas.
"As laranxas máis laranxas de todas as laranxas" está considerada como unha das principais contribucións de Carlos Casares ao ámbito da Literatura infantil e xuvenil, galardoada en 1973 co I Premio de Literatura Dramática para a Infancia e a Mocidade da Asociación Cultural ‘O Facho’. Este foi, ademais, o texto escollido polo Centro Dramático Galego (CDG) para producir no ano 2004, o seu primeiro espectáculo especialmente dirixido aos espectadores máis novos e co que acadou, asímesmo, un notable éxito de público. Trátase dunha historia fantástica, que inaugura o teatro destas características na Literatura infantil galega. Enlázanse conversas absurdas, comportamentos estrafalarios, esaxeracións ao límite, personificación de animais ou animación de obxectos, sempre á beira do cotián, rozando a normalidade.
Esta libro que recolle a posta en escea da obra de Casares, aparece acompañada noutra banda, por outro libro que constitúe unha guía didáctica que recolle orientacións, apuntes e multitude de actividades que servirán de apoio ós lectores adultos e profesionais do ensino, que poderán levar a cabo outras tantas actividades cos nenos e nenas.
Guía didáctica: Magdalena de Rojas, Cristina Novoa, Pilar Sampedro.
Figura clave da cultura galega contemporánea, Carlos Casares naceu en Ourense en 1941, pero aos catro anos marchou para Xinzo de Limia, territorio que deixou nel unha fonda pegada. Estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. Foi xornalista, catedrático de Literatura Española, director da Editorial Galaxia e da revista Grial, presidente do Consello da Cultura Galega e presidente de honor de ACNUR Galicia.
Cultivou a narrativa, o ensaio, o teatro e os artigos xornalísticos, e obtivo varios premios, entre eles o Premio da Crítica Española en 1975 e o Premio da Crítica Galega en 1982.
Como escritor, deuse a coñecer no ano 1967 cun libro de relatos, Vento ferido, moitas veces reeditado. Desde entón, publicou numerosas obras, especialmente novelas e contos, pero tamén pezas de ensaio e investigación. Para os lectores máis novos, ademais de traducir Le petit prince ao galego co título de O principiño, escribiu A galiña azul (1968), As laranxas máis laranxas de todas as laranxas (1973), O can Rin e o lobo Crispín (1983), Lola anda en bicicleta (1997), Un polbo xigante (2000) e a serie que ten ao neno Toribio como protagonista, entre outras obras.
Da súa ampla produción bibliográfica destacan as novelas Cambio en tres, Xoguetes para un tempo prohibido, Ilustrísima, Os mortos daquel verán, Deus sentado nun sillón azul e Os escuros soños de Clío.
Unha parte da súa actividade xornalística, a que exerceu a diario en La Voz de Galicia, foi recollida no volume Na marxe de cada día.
Carlos Casares finou en Vigo en 2002. A súa última creación literaria, O sol do verán, publicouse como obra póstuma. ( Fonte: Centro Dramático Galego).
E que mellor día para falar dunha das súas obras xunto coa GALIÑA AZUL,
que tanto lles gustan ós nosos nenos e nenas, que hoxe 17/05/2017,
día en que se lle adica a este grande escritor ourensán
o Día das Letras Galegas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario