Denchfield, Nick (1997). El pollo Pepe, ilust. Ant Parker, trad. Equipo SM, Madrid:
Ediciones SM, (+1 año) [14 pp.] (ISBN: 978-84-675-5198-3).
Breve descrición do formato
e contido da obra: álbum ilustrado que presenta un formato cadrado de volume medio. As tapas
son duras e ten os cantos rectos e formando puntas. Na cuberta aparece o
protagonista da historia, o poliño Pepe, mirando de fronte cun montón de cebada
ó lado. Na contracuberta aparece de novo o poliño camiñando e unha pregunta que
anima á lectura da obra. As páxinas do libro teñen os cantos redondeados.
Presenta, continuamente, dúas páxinas brancas cun texto sinxelo en negro e dúas
páxinas con pop-ups moi coloridas coa parte do poliño Pepe que se quere
resaltar. É unha obra breve. En canto ás ilustracións, son de gran tamaño e
predominan as cores amarela, azul e vermella. Esta obra conta a historia do polo Pepe que come moito e moi variado e por
iso ten unha gran barriga, un gran pico e unhas grandes patas. Ademais, ó final
do libro mostra como de grande é a nai do polo Pepe.
Potencialidades: nenos e nenas poderán
coñecer as partes do corpo dos poliños e das aves en xeral. Dependendo da
idade, haberá nenos ou nenas que xa coñezan este vocabulario polo que poderán
anticiparse á historia e adiviñar que parte do corpo virá despois. Por outra banda, serve para conciencialos da importancia
dunha boa alimentación para o seu crecemento, pois poden compararse co poliño Pepe
cando sexa a hora de comer e pensarán que así crecerán tanto coma el e a súa
nai. Debido a que é unha obra tan curta, sinxela e se acompaña dunha gran
axuda visual, incluso os rapaces/as poderían contala cando a coñeceran.














