Fernández, Federico (2015), Balea, ilust. Germán González, Pontevedra: Kalandraka Editora, (+3
años), [12pp.] (ISBN: 978-84-8464-977-9).
Breve descrición do formato
e contido da obra: Balea é “o que queiras que sexa”. Balea é un álbum ilustrado interactivo sen texto, é un gran mural a
dobre cara, é un póster que vén pregado en forma de acordeón... Esta obra presenta
un formato rectangular de 14 x 33,5 cm e cando a despregamos mide 1 m 40 cm.
Ten os cantos rectos e formando puntas. As láminas son grosas. Tanto a cuberta
como a contracuberta son duras. Pódese colgar xa que, na parte superior, trae
dous buracos, un en cada extremo.
A cuberta vén gardada por unha funda de
cartón brando e nela aparece: por diante, o nome do gran mural en vertical (as
letras simulan ser de metal, para adiantar o que nos espera ao abrilo), cinco
peixes de diferentes cores (que nos levan ao mundo mariño) e dous buzos
vestidos con traxes amarelos pintando a última letra de Balea, todo isto sobre un fondo azul que simula ser auga; e na
parte de atrás veñen impresos os datos do álbum, os autores, unha dedicatoria e
unha presentación. Na contracuberta podemos ver a cola da balea xunto a un
peixe e algas mariñas. Tamén aparece o código de barras e o ISBN.
Unha vez despregado o mural vese, por un lado unha balea xigante metálica
somerxida no mar e, polo outro lado a mesma balea pero, esta vez, por
dentro. O cetáceo simula ser un submarino. Na primeira parte, a balea está
acompañada de peixes de diversas cores, de buzos e de algunha alga. Ó darlle a
volta o mural vemos o interior do cetáceo. Está dividido en pequenos espazos,
onde se dan moi diversas situacións. Dentro da balea, todo parece estar
comunicado pero, á súa vez, en cada “camarote”, están pasando cousas distintas.
Todo está cheo de pequenos buzos vestidos de cor amarela que realizan distintas
actividades. As lectoras e lectores irán seguindo as ilustracións, do xeito que
elas e eles queiran e formando a historia da gran balea mecánica deixándose
levar pola imaxinación. Se nos paramos a analizar esta obra atoparemos ata os
máis mínimos detalles.
Potencialidades: Balea promove a lectura sen palabras. Isto
implica que as lectoras e lectores non se ven condicionadas/os por ningún tipo
de texto. Nós somos os encargados/as de deixar voar a imaxinación e crear a
nosa propia historia deducindo e interpretando o que os pequenos buzos fan na
cociña, no dormitorio, na sala de control, na zona artística... A imaxinación é
un dos elementos fundamentais da obra.
Hai que destacar o potencial interactivo desta obra, como dicía arriba, ao
non haber texto, teremos que ir contando entre todos e todas a historia
seguindo as ilustracións. Existe, de este modo, unha participación activa do
lector/a. Ademais cada un, dependendo das experiencias previas que teña, fará
lecturas diferentes.
Outro aspecto a salientar é que en Balea
podemos ir conformando a historia, non so de esquerda a dereita (como nos
libros convencionais), senón que o podemos facer de dereita a esquerda, de
arriba a abaixo, de abaixo a arriba, despregando o álbum enteiro, despregándoo
por partes, comezando pola parte de adiante, pola de atrás... Este aspecto
queda á elección dos lectores e lectoras.
Os mínimos detalles que marcan a obra de Federico Fernández e Germán
González fan que, en cada lectura que se vaia facendo, se descubran novas
historias. Sempre atopamos algo que nas veces anteriores non repararamos. Balea presenta, por isto, infinitas
lecturas.
Para rematar, gustaríame destacar o feito de que todas as persoas que aparecen
na obra vaian igual vestidas. Isto mostra un sentido igualitario, deixando ver
que todos somos iguais. Valor que me parece importantísimo transmitir a nenas e
nenos dende idades moi temperás.
Ningún comentario:
Publicar un comentario