sábado, 4 de abril de 2020

La Ballena


Davies, Benji (2014). La Ballena, ilust. do autor, Algemesí: Andana Editorial, col. Locomotora. [32 pp.]. (ISBN: 978-84-942671-0-9).



Descrición do formato da obra: álbum ilustrado de tapa dura do autor Benji Davies. Na cuberta aparece unha praia cunha balea varada na área que está sendo acudida polo protagonista, o neno Noé. No fondo da imaxe vese un faro e gaivotas no ceo. Na contracuberta está o pai de Noé vendo a praia dende a súa casa. Nas gardas iniciais e finais hai un mar debuxado que cubre todas as páxinas e ten debuxado baleas en negro. Na portada segue ese mar pero sen baleas.
O álbum ten ilustracións que nuns casos son a toda a páxina e noutros aparecen enmarcadas nun fondo branco cos debuxos no medio, ademais de acompañarse con texto breve. As imaxes contan e permiten seguir a historia contada por un narrador. Nelas domina a temática mariñeira, con cores azuis e amarelas, mostrando espazos abertos que transmiten sentimento de soidade e a profundidade do mar.
Dende o punto de vista do contido, a historia xira arredor dun neno chamado Noé, cuxo pai traballa no mar, mentres el pasa a maior parte do tempo só na casa cos seis gatos que ten. Un día unha forte tormenta deixa unha balea pequena varada na praia e Noé vai ao seu rescate, recóllea e métea na súa bañeira, esperando que o seu pai non a descubra cando volva. Noé faise amigo da balea e cóntalle moitas cousas, ata que chega un momento que o pai a descobre e axuda a Noé a devolvela ao seu fogar, o mar. Nas imaxes predominan as cores azuis e a temática mariñeira. Algunhas delas teñen profundidade, metáfora da soidade que sentía Noé e a grandeza do mar.

Potencialidades educativas: a lectura desta obra permite traballar contidos como a amizade, os sentimentos, os distintos tipos de familia existentes e, sobre todo, a soidade que padece a infancia na sociedade actual. Ademais a ambientación tamén permite reflexionar sobre a necesidade do coidado do medio ambiente, o coidado dos ecosistemas e dos animais.

Recursos educativos:
Vídeo en versión animada do álbum: https://www.youtube.com/watch?v=zuWV7SOgXBc

Ningún comentario:

Publicar un comentario