Descrición do formato da obra
Álbum ilustrado de forma cadrada e tamaño 24x20 cm., composto por 54 páxinas e encadernación de tapa dura. As páxinas son de papel groso e na cuberta podemos observar o título da obra en letras negras e minúsculas, mentres que na parte dereita podemos observar a Marjorie (protagonista do conto) mirando un ovo con manchas negras. Na parte inferior observamos o nome do autor e do ilustrador en letras brancas e maiúsculas. Esta cuberta xa nos anticipa parte da historia do conto. Na contracuberta podemos observar a diferentes vacas saltando e algunhas galiñas, acompañadas, na marxe esquerda, dun pequeno texto alusivo ao contido e con algunhas preguntas, ás que só poderemos responder se lemos a obra.
Descrición do contido
Este conto infantil conta a historia da vaca Marjorie que, na granxa na que vive, non se sente especial porque non pode facer o que fan as outras vacas. Un día as súas amigas as galiñas colócanlle un ovo no lugar onde dorme Marjorie, quen esperta convencida de que puxo ela o ovo. Todos están asombrados e a granxa énchese de periodistas e reporteiros. As vacas búrlanse dela porque din que é imposible e deciden esperar a que madure e escache o ovo. Cando isto sucede, de dentro do ovo sae un pequeno poliño e as súas primeiras palabras foron: “MUUUU!!!”
O álbum componse da estrutura tradicional formada por introdución, desenvolvemento e desenlace e está narrado en terceira persoa. As ilustracións son sinxelas e feitas con cores moi rechamantes. O ilustrador pretende destacar a importancia da protagonista, polo que a representa cun gran tamaño e cores moi características. Todos os personaxes están feitos con trazos sinxelos. Algunhas páxinas están feitas de xeito similar a un cómic, isto fai que nos chame a atención e nos fixemos nos pequenos detalles.
A linguaxe empregada é axeitada tanto para cativos como para adultos, xa que se emprega unha linguaxe sinxela. O texto está escrito en versos, utilizan diálogos e numerosas onomatopeas, o que fai que a historia atraia a nosa atención. De feito, as ilustracións e as onomatopeas resultan moi reveladoras do contido e o estilo humorístico que domina ao longo de toda a obra.
Potencialidades educativas
A través deste conto podemos traballar a autoestima dos cativos, xa que nun primeiro momento Marjorie sete unha grande insatisfacción consigo mesma. Por unha banda, podemos traballar valores como a amizade, a solidariedade e o amor polos fillos e polos que nos rodean, xa que as súas amigas, as galiñas, fan todo o posible para que Marjorie se sinta ben. Tamén é de destacar o amor incondicional polo seu fillo, o que se converte nun canto á diversidade a aos diferentes tipos de familia. Por outra banda, tamén podemos traballar os diferentes animais da granxa e os sons que emiten.
- Conto en liña de Burela, R. [Taxi Roberto Burela]. (2017, Novembro, 16). "A vaca que puxo un ovo" - (Contos en galego - Audio mellorado). [Archivo de video]. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=qhVefk9RKps
Ningún comentario:
Publicar un comentario