martes, 7 de abril de 2020

Carabuñas



Mazo, Margarita del (2012). Carabuñas, ilust. Charlotte Pardi; trad. Marisa Núñez, Pontevedra: OQO Editora, [40 pp.]. (ISBN: 978-84-9871-419-7).
Descrición do formato e o contido: estamos ante un álbum ilustrado con dimensións de 25x23cm. Encadernado en cartoné e que está traducido ao castelán. Na cuberta, ocupando gran parte dela, aparece un anaco da cabeza de Carabuñas, un bruxo de cor verde, cuns dentes moi grandes, ao igual que o nariz e as uñas, todo isto sobre un fondo alaranxado. Na contracuberta aparece unha mosca e debuxos sen acabar que semellan flores. Todo isto sobre un fondo da mesma cor que a que aparece na cuberta. Pódese dicir que a cuberta e a contracuberta gardan certa relación, pois suponse que o bruxo ule mal e por iso a mosca o anda rondando. As gardas presentan raias moi grosas en disposición vertical e de cor vermella e branca, estas raias son as mesmas que as que aparecen no pantalón de Carabuñas. Na portada aparece unha nena de costas diante dunha cómoda mirándose nun espello, esta é a protagonista e introdúcenos no conto.

O conto aborda a historia de Carabuñas, un bruxo que sae de noite para comer a nenos e nenas. Pero unha noite chega ao cuarto de Branca, unha nena que, en lugar de lle ter medo, se ri del e lle cuestiona a súa identidade. A historia conta cun narrador heterodiexético, que presenta os protagonistas, introduce o conflito e pecha a historia. Recórrese aos encadeamentos e reiteracións, recursos propios da transmisión oral que favorecen ao ritmo é a musicalidades. Tamén se empregan rimas para acentuar esa musicalidade, como: “Son Carabuñas, o que nunca corta as uñas!”, “Pensaba que era Carabuñas. Terei, logo, que cortar as uñas…”. Obsérvase tamén o emprego de diferentes tipografías, pois os diálogos están en negriña e cando quere resaltar algo emprega as maiúsculas ou un tipo de letra máis grande, coma ao final do conto onde aparece unha ensinanza.
O campo semántico predominante no relato é o dos elementos da natureza (bosque, montaña, río…), o das partes do corpo (uñas, linguas, dedo furabolos, dentes…), descricións físicas (gordos, altos, morenos…) e o dos animais (sapo, mosquito, raposo…). Tamén emprega campos semánticos antitéticos como subir-baixar; louro-moreno; alto-baixo; gordo-fraco…


Dende o punto de vista visual xógase coas proporcións, pois o bruxo é moito máis grande cá nena, ten un nariz moi longo ao igual que as uñas. Estas ilustracións axudan á lectura paralela e complementaria, fundamentais para entender a historia, como cando temos que pasar a páxina para ver que o bruxo colle un espello e se mira, acción á que non se fai referencia no texto. A disposición das ilustracións é a toda páxina nun plano xeral. As cores empregadas son vistosas. Cando se refire á noite as imaxes aparecen nun fondo azul-grisáceo e cando a acción se leva a cabo no cuarto sobre un fondo alaranxado. O bruxo caracterízase por ser de cor verde e por levar un pantalón a raias branco e vermello. Branca, a nena, aparece con tons brancos.
Aínda que no texto non se fai referencia aos animais, estes aparecen na maioría das páxinas, asociados á acción durante a noite ou na casa do bruxo, onde saen mouchos, morcegos, un gato negro etc. Pola contra, cando a acción transcorre no cuarto de Branca aparecen bonecos de coellos, cans, osos… Estas ilustracións acentúan o simbolismo e compresión da historia.

Potencialidades educativas: entre as posibilidades que ofrece Carabuñas cabe destacar a reflexión de cómo nos ven e como nos vemos, a cuestión da identidade, pois o espello fai referencia a ela.Tamén permite falar sobre a soidade e a empatía que debemos ter cara aos demais. O recurso a un personaxe como o monstro serve para deconstruír a súa simboloxía, asociada ao medo. Aquí a parodia e a risa acaban por transformar as expectativas iniciais do lectorado e a que este empatice co protagonista pola tenrura que inspira. 
 Recursos educativos: 
CEIP Serra-Vincios (2019). Experiencia educativa nunha aula de Educación Infantil cun contacontos de Carabuñas, en http://librincios.blogspot.com/2019/04/contacontos-carabunas.html (consultado o 21/03/2020).
CPI do Feal (2016). Experiencia educativa nunha aula de Educación Infantil cun kamishibai de Carabuñas, en https://www.edu.xunta.gal/centros/cpifeal/node/1431 (consultado o 21/03/2020).

Ningún comentario:

Publicar un comentario