martes, 7 de abril de 2020

Un pesadelo no meu armario

Mayer, Mercer (2001). Un pesadelo no meu armario, ilus. da autora, trad. Xosé Manuel González, Pontevedra: Kalandraka Editora, col. Tras os montes, [36 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-101-8).
Descrición do formato e o contido: álbum ilustrado de Mercer Mayer, encadernado en cartoné e con dimensións 21 x 26,7cm. Na cuberta presenta aos protagonistas: un neno no seu cuarto enriba da bicicleta e con cara de medo e un monstro dentro do armario coa porta contornada e asomando un bocadiño. Tamén aparece o nome do autor e da editorial. Na contracuberta aparece o monstro dentro do armario, pero desta vez coa porta aberta e cun sorriso. As gardas son en cor verde, adiantando as tonalidades que aparecen no interior do álbum. Na portada a porta aberta do cuarto do neno, onde se produce a historia, anima os lectores a introducirse nela.

Un pesadelo no armario é unha historia que transcorre no cuarto dun neno que lle ten medo ao pesadelo que se esconde no seu armario. Un día decide enfrontarse a el e acaban levándose ben. A historia está narrada en primeira persoa, cunha arquitectura textual de estrutura circular, xa que comeza e remata no mesmo punto: empeza dicindo que no seu armario hai un pesadelo e ao final tamén di que no armario debe haber outro pesadelo, pero que xa non collen máis na cama. Os textos son moi curtos, sinxelos e con letra grande. Nalgunhas ocasións aparece inconclusa a oración e é necesario pasar as páxinas para saber o que pasa, desta maneira o autor crea a intriga sobre qué pasará. 
O campo semántico predominante no relato é o das emocións (medo, chorar, enfado…) e o do contexto (o mobiliario do cuarto, armario, porta, cama…). 
Dende o punto de vista visual xógase coas proporcións, pois o pesadelo é moito máis grande ca o neno, só ten dous dentes, orellas moi grandes, peludo e ten un rabo con forma de picos. Estas ilustracións axudan á lectura paralela e complementaria, fundamentais para entender a historia. A disposición das ilustracións son variadas, pois unhas son a toda páxina e outras aparecen centradas. O texto sitúase nos recunchos, cunha presenza moito menor. Aparecen diferentes planos, para así remarcar certos momentos. A maioría das ilustracións están nun plano xeral, pero hai outras que pasan a un plano máis curto para centrar a atención no neno e crear certa tensión por non saber o que pasa no resto do cuarto. As cores predominantes son a verde, laranxa e branco, mentres que o branco aparece nos elementos da habitación menos relevantes, coma as cortinas, a cómoda, a porta do armario, a almofada e o colchón. Os tons alaranxados son os relacionados co neno, a lámpada e os xoguetes, cromatismo que no final do relato acaba contaxiando ao monstro. Os tons verdes relaciónanse co pesadelo/monstro. Xogan con eles en certas ocasións cando o pesadelo entra na habitación, ocupando toda a páxina, excepto na parte do texto que aparecen en todo momento nun fondo branco.


Aínda que no texto non se fai referencia ás armas e aos xoguetes de guerra, estes aparecen en todas as páxinas. Ao principio a escopeta, o casco e o canón están xunto ao neno para defenderse do pesadelo, pero ao final obsérvase que están tirados no chan, como sinal de que xa no ten medo. Estas ilustracións acentúan o simbolismo e compresión da historia.
Esta obra é unha tradución do inglés que está dispoñible en portugués, éuscaro, castelán, catalán, galego e italiano. Tamén foi recoñecida cos seguintes premios: Programa Nacional de Lectura (SEP México) 2003 e Plan Nacional de Lectura (PNL Portugal).


Potencialidades educativas: entre as posibilidades que ofrece Un pesadelo no meu armario cabe destacar a reflexión ao redor de como enfrontar e superar o que nos dá medo e como xestionar as emocións que sentimos. Tamén permite falar sobre a empatía cara aos demais e a comprensión das súas emocións, así como a importancia de empregar a fantasía para comprender o mundo e comprendernos a nós mesmos.

Recursos educativos: 
CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao (2019). Experiencia educativa nunha aula de Educación Infantil cun contacontos de Un pesadelo no meu armario, en http://biblionavia.blogspot.com/2019/05/un-pesadelo-no-meu-armario.html (consultado o 19/03/2020). 

Ningún comentario:

Publicar un comentario