Alcántara, Ricardo (2001). Tento e mailo medo, ilust. Gusti,
Zaragoza: EDELVIVES, [32 pp.]. (ISBN: 84-263-4600-6).
Breve descrición do formato e contido: O
álbum ilustrado que se presenta está encadernado en cartoné, cunhas dimensión
de 20x20 cm. Na cuberta pódese observar o título da obra, no que o nome do
protagonista aparece en letras maiúsculas
e de diferentes cores e na última vogal hai un óso debuxado porque aos
cans gústanlle, xa que o protagonista é un. No pé da cuberte aparece o
protagonista cunhas cestas da compra na man e cunha expresión de medo na súa
cara. O fondo divídese en dúas cores, na parte superior é de cor branca e na
inferior de cor púrpura, na parte esquerda hai unha franxa en vertical de cor
púrpura cuns ósos debuxados enriba. A contracuberta ten o mesmo fondo que na
cuberta, dividido en dúas cores, branca e púrpura, e na parte dereita unha
franxa coa cor púrpura e os ósos debuxados. Na parte superior soamente aparece
o nome do protagonidta en letras maiúsculas e con diferentes cores e debaixo
aparecen os diferentes contos da colección de Tento. Nas gardas iniciais e
finais aparece o mesmo fondo, nunha cun fondo púrpura e con ósos e un gorriño
de cor branca, que simbolizan as súas pertenzas, e noutra o fondo é branco e as
súas pertenzas en púrpura. As imaxes atópanse todas na parte dereita e na esquerda
o texto correspondente a eles dentro dun fondo de cor púrpura. As ilustracións
presentan cores moi atractivas que chaman a atención dos pequenos lectores e
lectoras e destaca moitos as expresións faciais do protagonista mostrando as
súas emocións. Salientan tamén todos os detalles que acompañan o noso
protagonista.
Desde
o punto de vista do contido, nárrase a historia de Tento, un can pequeno ao que
un día os seus pais o deixaron ir de paseo cos seus amigos porque xa era maior,
entón el e os seus amigos deciden ir ao supermercado, xa que nunca viran
ningún. Durante a excursión, Tento perdeuse e como tiña medo a pedir axuda,
polo que poderían pensar seus amigos, decidiu berrar moi forte ata que chegaron
os seus amigos e quedaron sorprendidos pola voz tan forte que tiña, que
semellaba a dos cans grandes. Finalmente Tento decatouse de que non era tan
pequeno como pensaba.
Potencialidades educativas: A
lectura de Tento e mailo medo permítenos traballar diferentes aspectos cos
nenos e nenas. Por un lado, pódese traballar as emocións, neste caso sería o
medo, xa que ocupa un lugar importante porque moitas veces os nenos e nenas non
son capaces de expresar as súas emocións ou sentimentos, por iso con esta historia
trabállase unha posible solución: pedir axuda, porque ás veces os nenos e nenas
ven as súas propias expresións reflectidas nos contos. Por outro lado, tamén se
pode traballar sobre a importancia da amizade, xa que favorece o
desenvolvemento social e afectivo dos nenos e nenas e proporciona cariño e unha
maior seguridade afectiva; a formación de vínculos entre varias persoas, saber
coidalas, empatizar con elas e comprendelas. Ademais, pódese traballar a
autonomía, aprender a tomar as propias decisións e actuar por un mesmo. Por
último, o pracer de experimentar todo canto nos rodea, observar e coñecer novos
lugares, o que nos ofrecerá unha maior autonomía como se citou anteriormente.
Recursos de interese:
E.
(2015, 29 de maio). Cuentos en la biblioteca. Tento y el miedo. Recuperado de https://lapina30.wordpress.com/2015/05/29/cuentos-en-la-biblioteca-tento-y-el-miedo/
(31/03/20)
Ningún comentario:
Publicar un comentario